Ir o contido principal

Ampliado o prazo para participar no curso sobre integración europea e responsabilidade social que organiza o CERGI

O centro tamén organiza unha xornada de difusión sobre iniciativas de investimento responsable

O Centro de Responsabilidade Social das Empresas, Goberno Corporativo e Protección do Inversor da USC (CERGI) amplía ata o martes 22 o prazo de inscrición no curso ‘Integración europea, goberno corporativo e responsabilidade social das empresas’. O curso encádrase na convocatoria correspondente á oferta de libre configuración para o segundo trimestre do Módulo Jean Monnet. Este curso dedicado ao goberno corporativo e responsabilidade social das empresas no marco da Unión Europea desenvolverase en horario de tarde dende o 22 ao 30 de abril na Facultade de Dereito. Ao longo de sete días os/as conferenciantes abordarán aspectos como os conceptos de goberno corporativo e responsabilidade social; o dereito de sociedades na Unión Europea; a responsabilidade civil dos administradores das sociedades mercantís; control fiscal e paraísos fiscais, entre outros. Para superar o curso é necesaria a asistencia ao 80% das clases e a presentación dun traballo ou resumo individual. O CERGI tamén organiza unha xornada de difusión sobre iniciativas de investimento responsable o 25 de abril en horario de 9.00 a 17.30 horas no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia. O programa inclúe mesas redondas con expertos que abordarán o marco financeiro e a seleccións de proxectos e exporá experiencias de éxito no acceso a capital. Pola tarde celebraranse reunións de networking. A asistencia é gratuíta e o prazo para apuntarse remata o 23 de abril. Máis información sobre os programas e inscrición en www.usc.es/crgi.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.04.2014.