Ir o contido principal

Amplíase ata este xoves o prazo para inscribirse no I Encontro Mocidade Investigadora

A Escola de Doutoramento Internacional (EDI) e o Centro de Posgrao amplían ata este xoves 29 o prazo para inscribirse no I Encontro da Mocidade Investigadora EDI-USC que terá lugar entre os días 13 e 15 de decembro en Bioloxía. O encontro ten como obxectivo dar visibilidade á actividade investigadora que se realiza na USC no marco dos programas de doutoramento e promover o intercambio de experiencias entre o persoal investigador en formación, así como promover o exercicio da crítica científica, compartir experiencias e crear un marco de discusión de cuestións de interese para o persoal investigador. A inscrición e matrícula neste encontro é gratuíta, incluíndo a entrega dun certificado de asistencia. As persoas interesadas en participar deberán enviar por correo electrónico a edi.campusvida [at] usc.es (edi[dot]campusvida[at]usc[dot]es) o formulario debidamente cuberto, a copia do pago da matrícula en etapa de tese no presente curso e un resume da comunicación proposta en formato Word. EDI Esta actividade encádrase nas iniciativas desenvolvidas pola Escola de Doutoramento Internacional no eido da planificación da oferta de actividades de formación e desenvolvementos dos/as doutorandos/as. A EDI é a unidade encargada da organización dos estudos de doutoramento en todos os ámbitos de coñecemento, xa que nela se integran os programas de doutoramento renovados de acordo co Real Decreto 99/2011.

A creación desta Escola, aprobada polo Consello de Goberno o pasado mes de outubro, prodúcese por transformación da Escola de Doutoramento de Ciencias Biomédicas e Tecnoloxías a Saúde. Actualmente, está estruturada en tres ámbitos temáticos, Ciencias Biomédicas e Tecnoloxías da Saúde; Ciencias Experimentais e Ensinanzas Técnicas; e Ciencias Sociais, Xurídicas e Humanidades.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.11.2012.