O amplo horizonte laboral da enxeñaría forestal, a análise no Campus Terra nun foro con profesionais colexiados
O amplo e versátil horizonte laboral ao que abre as portas o grao en Enxeñaría Forestal centrou este luns unha xornada na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC no marco da que a xerente do Colexio Oficial de Enxeñaría Técnica Forestal de Galicia (COETFG), Patricia González Pereiró, acompañada de varios profesionais en exercicio colexiados, explicaron ao alumnado do centro universitario lugués, as múltiples oportunidades de emprego que ofrece na actualidade unha profesión regulada, na que “a demanda de profesionais é moi superior ao número de persoas tituladas que se incorporan ao mercado de traballo”.
A xornada de orientación laboral promovida pola EPS de Enxeñaría xunto co COETFG permitiu ao alumnado do grao en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural coñecer de primeira man o catálogo de servizos que presta o órgano colexiado, así como outras cuestións relativas ao seu funcionamento. A regulación das competencias profesionais dos enxeñeiros forestais e dos titulados en Enxeñaría de Montes, así como as diferencias nas súas correspondentes retribucións salariais foron outros dos temas analizados nunha sesión que puxo o foco na versatilidade deste colectivo de profesionais.
As funcións profesionais da enxeñería forestal van moito máis alá das tarefas requeridas para proceder á plantación ou cubicación da madeira das superficies forestais, subliña o subdirector da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, Emilio Carral Vilariño, para quen esta idea xeneralizada con se corresponde coa realidade dunha profesión regulada que rexistra unha alta demanda de profesionais e que aínda dispón de moitos nichos de emprego por explorar.
Neste senso, a exposición das distintas experiencias laborais das que están a ser protagonistas algúns enxeñeiros e enxeñeiras técnicas forestais formados e egresados da EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC, permitiu ao alumando do centro universitario lugués acadar unha visión máis ampla dos escenarios laborais aos que se poderán incorporar no futuro.
Así, a secretaria do COETFG, Mercedes Rois Díaz, falou neste foro sobre a súa experiencia como consultora en Bioeconomía. Os testemuños de Fernando Enjamo Gándaras, da consultaría Sortegal; Tais Landeira Fernández, da consultaría Tenzas, Enxeñaría e Asesoramento Legal, e da responsable de Produción en Galicia da compañía Navigator, Mónica López González, completaron unha xornada de orientación laboral, que chegou ao seu colofón cunha quenda aberta de preguntas.