Ana Cabana analiza en ‘La derrota de lo épico’ actitudes e condutas da poboación rural galega no franquismo

A profesora do Departamento de Historia Contemporánea e de América da USC na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, Ana Cabana, compila e trae de novo ao recordo moitas das actitudes e dos comportamentos sociais da poboación rural galega que viviu o franquismo no volume ‘La derrota de lo épico’, un libro que vén de editar a Universidade de Valencia e no que se da conta de non poucas formas de disentimento postas en práctica polos moradores de pobos e aldeas de Galicia durante o réxime.
Esta nova achega da investigadora luguesa, nada no concello de Castro de Rei e que forma parte do grupo Historia Agraria e Política no mundo rural. Séculos XIX e XX, dirixido polo catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, Lourenzo Fernández Prieto, dá continuidade e, sobre todo, complementa a moitas das pescudas xa recollidas en ‘Xente de Orde. O consentimento cara ó franquismo en Galicia’, un libro publicado no 2009 pola editora 3C3 e no que a profesora Cabana Iglesia analiza os mecanismos de xeración de adhesión da poboación galega ó franquismo. ‘La derrota de lo épico’ indaga as distintas formas e metodoloxías de diverxencia rastrexadas na Galicia rural das primeiras décadas do réxime franquista e que configuran un marco de identidade colectiva recoñecible, coherente e protector dun xeito de vida propio. Esta resistencia silente, sustentada na investigación de Ana Cabana, con voces e xestos que deixaron rastro, proba a conflitividade existente en Galicia durante estes anos e desvirtúa o estereotipo dunha contorna sometida e próxima ao réxime. Esta investigadora da Universidade de Santiago de Compostela corrobora na súa obra que trala falsa pantalla dunha poboación placidamente subordinada, os comportamentos da sociedade rural galega da época deixan ver un amplo abano tipolóxico de resistencias civís e tamén de clandestinidade, tal e como dan conta os testemuños de natureza arquivística e oral, ademais de anacos da memoria colectiva e de oficialidade. Cabana Iglesia achega nesta nova publicación, baseada en gran medida nas pescudas desenvolvidas para a súa tese de doutoramento, unha detallada análise das distintas formas de disentimento apreciadas na Galicia da época. Daquela, en ‘La derrota de lo épico’ están recollidos non poucos exemplos de casos de resistencia aberta, como os manifestados a través da negativa a facer pagos a diferentes institucións -caso das Irmandades-, os motíns, os boicots, o absentismo e a pasividade cara actividades cando o Estado pedía adhesión entusiasta, espallar rumores intencionados para minar determinadas autoridades...
A resistencia institucionalizada, que é aquela que facía partícipe ao Estado mediante a interposición de recursos aos tribunais de xustiza, queixas e peticións ás autoridades ou ben pola vía do aproveitamento das físgoas legais advertidas, tamén merece especial atención para Ana Cabana nesta obra, na que tampouco se relegan ao esquecemento outras prácticas máis ou menos cotiás que axudaban a soportar a vixilancia e incluso o medo que insuflaba o réxime, o que se coñece como resistencia simbólica.