Ana Cabana ofrece este xoves na Casa do Saber a charla ‘A fin das mans mortas. Unha análise das desamortizacións en clave galega’
A profesora do Departamento de Historia Contemporánea e de América da Universidade de Santiago de Compostela Ana Cabana Iglesia ofrecerá o xoves 25 de abril, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, o relatorio ‘A fin das mans mortas. Unha análise das desamortizacións en clave galega’
A intervención desta profesora da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo encádrase no ciclo ‘Que foi, como aconteceu’, promovido pola Asociación do IV Ciclo Universitario do campus de Lugo e cuxa temática xira arredor de cuestións históricas. Así, as sesións xa celebradas ata o momento, que contaron como relatores cos profesores María Anxos Méndez Sufuentes e Carlos Baliñas Pérez, versaron sobre a permanencia da lingua galega durante séculos e a plenitude medieval de Galicia nos tempos do rei Don García. Ana Cabana centrará a temática do terceiro relatorio deste ciclo na Galicia do século XIX, sobre todo, nas consecuencias derivadas das desamortizacións de Mendizábal (1836) e de Madoz 81855). Así, na súa exposición, a profesora Cabana Iglesia dará unha visión xeral sobre as medidas que levou aparellada a implantación do réxime liberal en España, incidindo especificamente naqueles procesos que, xunto coas desamortizacións, supuxeron o que se coñece como reforma agraria liberal. Cabana afondará pois no fondo teórico e nas modalidades seguidas nos dous procesos de desamortización, así como nos seus obxectivos e as consecuencias reais. A análise das semellanzas e diferenzas do acontecido nas provincias galegas respecto doutras localizacións de España tamén serán tratadas no relatorio que ofrecerá este xoves esta docente da USC na Casa do Saber de Lugo. O terceiro dos relatorios programados pola Asociación IV Ciclo Universitario da USC do campus de Lugo comezará ás 20.00 horas. A entrada será libre e de balde para todo o público interesado ata completar o aforo, que ten prazas limitadas.