Ir o contido principal

Ana Goy aborda este martes no Museo Provincial de Lugo o coleccionismo como forma de achegarse á arte

Ana Goy Diz
Ana Goy Diz

A profesora de Historia da Arte da USC na Facultade de Humanidades do campus de Lugo Ana Goy Diz ofrecerá este martes, día 20 de xaneiro, a partir das 20.00 horas, no Refectorio do Museo Provincial de Lugo, o relatorio ‘Coleccionistas e coleccións. Un xeito de achegarse á arte’.

O relatorio que pronunciará Ana Goy pode entenderse como un complemento da mostra ‘Estampas lucenses. Colección de postais de Manuel Urbano’, incluída no proxecto da Rede Museística da Deputación de Lugo ‘A arte de xuntar. Coleccionismo e museos’. Deste xeito, a profesora Ana Goy lembrará como ao longo da historia, o home ten demostrado gusto e interese por aqueles obxectos especialmente valiosos para el, aínda que non se tratara de bens especialmente apreciados por razóns económicas ou artísticas, como o demostran as primeiras coleccións xurdidas na na antigüidade. Goy Diz guiará na súa intervención unha viaxe desde o pasado, para logo facer un percorrido pola orixe deste fenómeno, así como pola súa evolución ao longo dos séculos, desde o Exipto faraónico, á Grecia clásica ou á Roma imperial, sen esquecer as magníficas coleccións que atesourou a Igrexa na época medieval ou as Cámaras das Marabillas ou os gabinetes de pintura do Renacemento e o Barroco. Chegados á Ilustración e logo de que Diderot reclamara o cometido da cultura como ben accesible para toda a sociedade, xurde a idea dos museos como centros para acubillar e conservar as grandes coleccións, explica Ana Goy. A partir deste momento, engade a profesora de Historia da Arte da USC, coleccionismo e museo comezan un camiño que leva ao nacemento dun novo escenario cultural co museo público, os museos privados, as galerías de arte, os marchantes, o mercado da arte, as salas de exposicións, as feiras de arte.., é dicir, a sociedade desemboca na modernidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.01.2015.