Ir o contido principal

Ana María Porteiro recibiu en Ribadeo o premio Dámaso Alonso de Investigación Filolóxica

Elias Torres, Fernando Suárez Barcia e Miguel Sande no acto de entrega do premio
Elias Torres, Fernando Suárez Barcia e Miguel Sande no acto de entrega do premio
O galardón está dotado con 6.000 euros e a edición da obra polo Servizo de Publicacións da USC

Ana María Porteiro Chouciño recibiu este xoves 13 o premio correspondente á novena edición do Premio Dámaso Alonso de Investigación Filolóxica polo seu traballo ‘Del monte sale quien en el monte quema’, de Lope de Vega. Estudio y edición crítica’. O acto de entrega celebrouse no Salón de Plenos do Concello de Ribadeo coa presenza, ademais da autora, do vicerreitor de Cultura da USC, Elías J. Torres Feijoo, do alcalde do Concello de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, e do delegado na Mariña de La Voz de Galicia, Miguel Sande. O galardón inclúe un premio en metálico de 6.000 euros e a edición da obra.
Na concesión do premio, o xurado valorou a elección dun texto pouco coñecido de Lope de Vega, cun corpo fundamental de case 3.000 versos e do que se conserva un manuscrito do autor con anotacións anónimas e outras testemuñas escritas de copias de comediantes da época.
Presidido polo catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada e membro da Real Academia Española, Darío Villanueva; o xurado desta edición estivo integrado ademais polo catedrático e tamén membro da RAE, Guillermo Rojo; o catedrático de Literatura Española, José Manuel González Herrán; a catedrática de Filoloxía Románica, Mercedes Brea; o catedrático de Filoloxía Portuguesa, José Luis Rodríguez; e o tenente de alcalde do Concello de Ribadeo, Vicente castro. Asistiu ademais á lectura pública do ditame o delegado en Santiago de La Voz de Galicia, Ignacio Carballo.
Premio Dámaso AlonsoO Premio Dámaso Alonso de Investigación Filolóxica, organizado pola Universidade de Santiago xunto co Concello de Ribadeo e o Grupo Voz, tenta dar a coñecer a mellor das obras de filoloxía realizadas por investigadores novos sobre os eidos que cultivou Dámaso Alonso.
A convocatoria deste galardón diríxese a filólogos que non cumprisen os 30 anos na data límite para a recepción dos orixinais, que deben versar sobre cuestións relacionadas con estudos lingüísticos peninsulares, estudos e ensaios histórico-críticos sobre as literaturas románicas peninsulares de todas as épocas, edicións e comentarios de textos literarios hispánicos, estilística e teoría da literatura ou historia da crítica literaria.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.03.2008.