Ir o contido principal

A análise e o debate arredor da patoloxía oral congrega en Medicina e Odontoloxía máis de 300 participantes

Asistentes ao acto inaugural. FOTO: Santi Alvite
Asistentes ao acto inaugural. FOTO: Santi Alvite
A edición número dezasete do Encontro da Sociedade Española de Medicina Oral (SEMO) e a edición dezaoito do Encontro da Academia Iberoamericana de Patoloxía e Medicina Bucal (AIPMB) transforma Compostela na capital da saúde bucodental
Santiago de Compostela

A análise da patoloxía oral dende diferentes ópticas é o eixo sobre o que se asenta ata este sábado 27 a edición número dezasete do Encontro da Sociedade Española de Medicina Oral (SEMO) e a edición dezaoito do Encontro da Academia Iberoamericana de Patoloxía e Medicina Bucal (AIPMB). Máis de 300 persoas, entre especialistas e inscritos/as, danse cita neste foro centrado no eido bucodental. As conferencias maxistrais corren a cargo de  Enric Jané Salas da Universidade de Barcelona e Isaäc Van der Waal do centro médico VU/ACTA en Ámsterdam.

O reitor Antonio López presidiu este venres 26 o acto inaugural, no Salón de Actos da Facultade de Medicina e Odontoloxía, que contou coa presenza do decano da Facultade, Julián Álvarez Escudero; do presidente do Comité Organizador, Andrés Blanco Carrión; do presidente da Academia Iberoamericana de Patoloxía e Medicina Bucal, Fabio Ramoa Pires; da presidenta da Sociedade Española de Medicina Oral, Rocío Cerero Lapiedra; do conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña; e do alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo.

A relación entre medicina oral e industria, a displasia epitelial ou a patoloxía ósea serán obxecto de debate entre diversos especialistas. Ademais das mesas redondas e sesións para a presentación de comunicacións e pósters, o congreso inclúe un obradoiro sobre 'Inxertos autólogos segundo a técnica de encofrado biolóxico' con Guillermo Escobar e unha sesión clínico-patolóxica da man de José Manuel Aguirre Urizar (UPV) e Abel García García (USC).

Andrés Blanco Carrión (presidente), Pilar Gándara Vila (vicepresidenta), Eva Otero Rey (secretaria) e Manuel Somoza Martín (tesoureiro) encabezan o comité organizador deste evento que retoma nesta edición a asistencia presencial.

Campaña informativa 

No marco deste foro, alumando do grao en Odontoloxía difundiu material informativo na Praza do Obradoiro sobre como os propios pacientes poden desenvolver un rol activo no proceso de diagnóstico a través da autoexploración. Esta campaña divulgativa é froito do proxecto de ApSMO Aprendizaxe e Servizo no Ámbito da Medicina Oral desenvolto en coa colaboración da Asociación Española contra o Cancro na USC.
 

De esquerda a dereita, Andrés Blanco Carrión, Rocío Cerero Lapiedra, Xosé A. Sánchez Bugallo, Antonio López Díaz, Julio García Comesaña, Julián Álvarez Escudero, e Fabio Ramoa Pires. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Andrés Blanco Carrión, Rocío Cerero Lapiedra, Xosé A. Sánchez Bugallo, Antonio López Díaz, Julio García Comesaña, Julián Álvarez Escudero, e Fabio Ramoa Pires. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.05.2023.