Ir o contido principal

Analizan o ambiente de granxas de porcino para mellorar a eficiencia climática e o benestar animal

Tamara Arango López, entre Dolores Fernández e Manuel Ramiro Rodríguez, na EPSE
Tamara Arango López, entre Dolores Fernández e Manuel Ramiro Rodríguez, na EPSE
A enxeñeira agrónoma Tamara Arango aborda na súa tese, dirixida por Manuel Ramiro Rodríguez e Dolores Fernández, as variables e interaccións ambientais das explotacións

A análise do ambiente interior das explotacións de cría de leitóns de porcino de entre 6 e 20 quilogramos de peso centra a temática da tese de doutoramento que vén de presentar a enxeñeira agrónoma Tamara Arango López na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC baixo o título ‘Caracterización e interacción de variables ambientais no interior de aloxamentos porcinos de transición no Noroeste peninsular’. Esta investigación de doutoramento, dirixida polos profesores do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC Manuel Ramiro Rodríguez Rodríguez e María Dolores Fernández Rodríguez, integrantes do grupo de investigación Modelización, Enerxía e Mecanización en Biosistemas (BioMODEM), estuda tamén a interacción entre as distintas variables ambientais e estima a concentración de amoníaco rexistrada nos aloxamentos mediante modelos de regresión.

A inclusión da humidade relativa entre os parámetros analizados para o control ambiental das dependencias en estudo podería mellorar a eficiencia da climatización das mesmas cun aforro de entre o 33 e o 47% da enerxía aplicada por quilogramo de leitón de porcino producido, segundo se recolle nas conclusións da tese de doutoramento presentada por Tamara Arango e que opta a mención internacional.

O modelo de regresión lineal proposto nesta investigación como o máis acaído emprega a concentración de CO₂ e a temperatura do corredor exterior, co que se proporciona un bo axuste. Asemade, este modelo, que resulta eficaz ao tempo que económico, está baseado en variables doadas de medir, sinala a investigadora.

Outra das achegas realizadas por Arango López na súa tese de doutoramento vén dada pola recomendación do uso de ecuacións senoidais para estimar a humidade relativa e a concentración de amoníaco. Este procedemento, relata a investigadora, proporciona información sobre os niveis das variables ambientais e, polo tanto, sobre a maior ou menor presenza de contaminantes e tamén sobre o grao de confort térmico ao que están expostos os animais.

A sinxeleza desta expresión permite a súa implementación en moitos controladores convencionais, razón pola que as ecuacións senoidais poderían resultar valiosas para controlar en tempo real a regulación do sistema climático, o que redundaría en beneficio dun maior grao de benestar animal, sinala a investigadora.

Tribunal de tese e cualificación

O catedrático da USC Francisco Maseda Eimil presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Tamara Arango López. José Luis García Fernández, catedrático da Universidade Politécnica de Madrid, e Joaquím Orlando Lima Cerqueira, profesor adxunto do Instituto Politécnico de Viana do Castelo, completaron a composición dun xurado que acordou outorgar a máxima cualificación académica a esta tese de doutoramento.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.12.2017.