Ir o contido principal

Analizan en Santiago de maneira práctica as particularidades do Dereito sucesorio galego

No transcurso dun seminario que comeza este xoves 8 na Facultade de Dereito

As peculiaridades e os problemas de interpretación que suscita a regulación galega da sucesión mortis causa estudaranse no transcurso do seminario ‘Perspectiva práctica de Dereito sucesorio galego’ que na súa segunda edición se vai desenvolver na Facultade de Dereito dende este xoves 8 ata o 7 de maio baixo a dirección da profesora Belén Trigo García.
Docentes das universidades de Santiago, A Coruña, Pompeu Fabra e Zaragoza, xunto con notarios de diversos concellos da xeografía galega e representantes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia profundarán nos aspectos que definen xuridicamente a cuestión sucesoria, comezando cunha análise da Lei 2/2006 de Dereito Civil de Galicia e continuando con outras cuestións como os testamentos, a lexítima, a apartación, o pacto de mellora, a partición hereditaria ou experiencias noutras comunidades como a aragonesa ou a catalá.
O dereito sucesorio na Lei 2/2006 e o contexto comunitario centrarán os debates da primeira sesión deste xoves que se inaugurará nun acto que comezará ás 18:30 horas e que dará paso a unha sesión na que se analizará o panorama do Dereito Civil. Xa ás 20:00 horas tratarase a proposta de regulamento europeo.
Ao curso asisten licenciados en Dereito, profesionais interesados na materia, e estudantes que estean cursando Dereito Civil de Galicia ou que teñan cursado Dereito Civil V (Sucesións).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.04.2010.