Ir o contido principal

Analizan na USC a perspectiva de xénero na docencia universitaria

A IV Xornada Universitaria Galega de Xénero inaugúrase este venres en Ciencias da Comunicación

A IV Xornada Universitaria Galega de Xénero desenvolverase este venres 15 na Facultade de Ciencias da Comunicación centrada nesta edición na práctica docente co obxectivo de impulsar a aplicación da transversalidade de xénero como criterio de excelencia universitaria.

A xornada é unha iniciativa promovida polas tres universidade galegas que permitirá o intercambio de experiencias entre o persoal docente e potenciar iniciativas innovadoras que inclúan a perspectiva de xénero como un eixe de traballo.

O encontro inaugurarase ás 10.00 horas nun acto no que participan o reitor da USC, Juan Viaño; o seu homólogo da Universidade da Coruña, Julio Abalde; a secretaria xeral da Universidade de Vigo, Gloria Pena; a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella; e a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo de Santiago, Marta Lois.

A sesión continuará coa conferencia ‘O que a universidade debe ás mulleres’ que impartirá Marina Subirats, experta en educación e xénero e profesora emérita de Socioloxía da Universitat Autònoma de Barcelona. Completan o programa tres sesións orais e unha de pósteres para a exposición das 40 comunicacións aceptadas.

Os debates estarán enfocados á metodoloxía docente e perspectiva de xénero; innovación e boas prácticas na aula; integración da perspectiva de xénero no ensino virtual; a dimensión de xénero na titorización; dinámicas de xénero na aula; e o uso da linguaxe inclusiva na docencia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.07.2016.