Ir o contido principal

Do analóxico ao dixital no dereito de autor

Unhas xornadas en Dereito tratan as novas formas de produción e acceso ao coñecemento

As xornadas ‘Novas formas de produción e de acceso ao coñecemento: Do analóxico ao dixital no Dereito de autor’ celebraranse este venres 13 e o sábado 14 na Facultade de Dereito da USC organizadas pola Asociación para o Estudo e o Ensino do Dereito de Autor (ASEDA), a Fundación AISGE e o grupo de investigación da USC Dereito Privado Europeo. Neste dous días, participarán destacados especialistas de universidades españolas e estranxeiras co obxecto de reflexionar conxuntamente sobre o estado dalgunhas cuestións relativas á propiedade intelectual fronte a novas formas de produción e de acceso ao coñecemento. As xornadas permitirán ademais a análise do anteproxecto de Lei de modificación do Texto Refundido da Lei de Propiedade Intelectual e achegar ao debate lexislativo algunhas das conclusións dos estudos realizados polos membros de ASEDA, moi especialmente os derivados dos proxectos de investigación do grupo Dereito Privado Europeo. Concretamente, a profesora e codirectora do encontro Isabel Espín é a investigadora principal dun proxecto financiado pola Xunta de Galicia sobre ‘Obras orfas e dereitos de autor’. O reitor Juan Casares presidirá o acto inaugural do encontro, nunha sesión que comezará ás 16:30 horas no Salón de Graos da Facultade de Dereito, no que está prevista ademais a presenza do decano da Facultade de Dereito, Luis Miguel Macho; do Presidente de ASEDA, Carlos Rogel, e dos co directores do encontro científico, Isabel Espín, da USC, e Miguel Ángen Bouza.

A continuación desenvolveranse as conferencias programadas sobre cuestións relacionadas coas perspectivas de política lexislativa ante novas formas de produción e de acceso ao coñecemento, as obras plásticas e a impresión 3D, propiedade intelectual e reutilización da información do sector público. Xa o sábado o programa reanudarase a partir das 10.00 horas, cunha serie de relatorios sobre propiedade intelectual e acceso aberto a artigos científicos, dereitos de autor nos proxectos de dixitalización en masa, e por último, a recente experiencia normativa brasileira en materia de dereitos de autor.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.09.2013.