Ir o contido principal

Nova andaina do proxecto de hortos urbanos da USC

Horto urbano do Instituto de Acuicultura
Horto urbano do Instituto de Acuicultura
Obradoiro de conservación de sementes os días 24 e 25 de setembro en Santiago e Lugo

A Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC reinicia o proxecto de hortos urbanos coaorganización dun obradoiro de conservación de sementes os días 24 e 25 de setembro en Santiago e Lugo, respectivamente. A recuperación de saberes tradicionais ligados á selección e conservación de sementes cobra importancia nun contexto de redución da biodiversidade mundial de sementes, que foi parella á promoción do monocultivo e á crecente dependencia de agroquímicos durante o último século. Este primeiro obradoiro será impartido ás 17.00 horas nas datas previstas nas cociñas do Colexio Maior Fonseca en Santiago e da Residencia Universitaria Bal y Gay en Lugo. A inscrición será de balde (achega voluntaria de 2€ para material) e para facela efectiva haberá que enviar un correo a entransicion [at] usc.es (entransicion[at]usc[dot]es) indicando nome completo, colectivo ao que se pertence (estudante, PDI e PAS), centro de estudos ou traballo e correo electrónico. As prazas serán limitadas e cubriranse por orde de inscrición, dando prioridade aos membros da USC (data límite de inscrición en Santiago o 23 de setembro ás 12.00, en Lugo o 24 á mesma hora). Hortos urbanos O programa comezou o pasado curso como parte de ‘USC en transición’ co obxecto de promover a creación de grupos de persoas interesadas en participar nalgún dos hortos existentes ou, de darse as condicións, crear o seu propio. Ademais das actividades nos hortos, ofértase un programa formativo que combina os coñecementos tradicionais e os académicos mediante a realización de obradoiros prácticos, abertos á comunidade universitaria, e seminarios teóricos para o público en xeral.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.09.2013.