Andrea Castaño Rodríguez gaña o XV Premio de Relato Curto que convoca Alumni USC
Ser de Andrea Castaño Rodríguez é a obra gañadora da décimo quinta edición do Premio de Relato Curto da Asociación de Antigo Alumnos e Amigos da USC (Alumni). “Quixen coller algo cotiá e convertelo en algo fantástico. Ademais, a pandemia foi propicia para botarlle imaxinación. Ao final do relato en primeira persoa, que é absurdo, convírtome nunha xouba e son feliz. A realidade vai da man da fantasía”, segundo explica a gañadora do premio literario de Alumni, dotado con 500 euros grazas ao patrocinio do hospital HM Rosaleda.
Andrea Castaño Rodríguez (Padrón, 1999) vén de graduarse como mestra en Educación Primaria na USC e debuta na escena literaria con este premio. “Este curso unha profesora mandounos como traballo de clase facer un relato sobre a familia, eu estaba a ler nese momento A metamorfose, de Kafka, e escribín este texto que, de casualidade, presentei ao certame de Alumni USC”, tal como indica. A autora ten preferencia pola novela histórica e fantástica e ten como referentes ás escritoras Rosa Aneiros e Julia Navarro.
O xurado encargado do ditame estivo integrado por Celia Yebra, Carmen Buitrón e Tania Fernández, xornalista e xefa de Programas da Radio Galega, acompañadas polo secretario de Alumni, Agustín Pena, con voz pero sen voto. Destacaron do texto ganador a súa “idea orixinal e aberta, na que a partir dunha escena cotiá se presenta unha historia surrealista ben resolta que, ademais, deixa moitas incógnitas e a posibilidade de explorar”. As avaliadoras tamén subliñaron a calidade da redacción do texto premiado.