Ir o contido principal

Ángel Carracedo, investido doutor honoris causa pola Universidade do Minho

Carracedo na cerimonia de investidura.
Carracedo na cerimonia de investidura. FOTO: captura da canle de YouTube da U. Minho
A institución portuguesa cualifica ao catedrático da USC de “fervente impulsor da alfabetización científica”
Santiago de Compostela

O catedrático da USC Ángel Carracedo foi investido este luns doutor honoris causa pola Universidade do Minho en Portugal. A cerimonia, á que asistiron numerosas autoridades de Galicia e Portugal, entre elas, o reitor Antonio López, comezou coa intervención do neuropsicólogo e catedrático da  Universidade  do Minho, Óscar  Gonçalves, encargado da laudatio introdutoria.

A institución académica destaca de Ángel Carracedo que se trata dunha “personalidade esencial da sociedade científica”, amplamente recoñecido non só polo seu impacto nos campos da xenética forense, clínica e de poboacións, senón tamén na aplicación dos seus estudos en beneficio da sociedade, con importantes contribucións no campo da  farmacoxenética. Ademais, pon de manifesto “as súas enormes contribucións á cultura galega, sendo un fervente impulsor da alfabetización científica na difusión dos valores científicos e humanos”.

Óscar Gonçalves subliñou no seu laudatio a sinxeleza e xenerosidade de Ángel Carracedo, “un home humilde, ADN da nosa terra, testemuña do noso  minifundio xenético; que está no alto da ciencia, pero vive na base da sociedade”.  

Gonçalves, que non dubida en situalo “na antesala do Nobel”, asegura que o científico de Santa Comba entende “a ciencia como servizo, sobre todo como servizo”. Pola súa banda, Ángel Carracedo agradeceu o nomeamento, gratitude que fixo extensiva ao seu equipo e familia e pronunciou un discurso sobre ‘A  xenética e a psicoloxía’ no que falou, desde o punto de vista da xenética, da importancia da diversidade e a necesidade da  educación en valores.

Extensa carreira 

Ángel Carracedo dirixe o grupo  Genomics  and  Bioinformatics da USC e coordina o labor do Grupo de Medicina Xenómica (USC- IDIS), primeiro a nivel mundial en número de citas na área da Medicina forense e entre os primeiros na área da xenética. As súas principais liñas de investigación actuais son a xenética de enfermidades raras, a de trastornos psiquiátricos e a do cancro e farmacoxenómica que combina coa súa dedicación á Medicina forense.

Carracedo é director da Fundación Pública Galega de Medicina  Xenómica (SERGAS), do Centro Nacional de  Xenotipado e da Fundación Kaertor para o descubrimento de fármacos. Ao longo da súa traxectoria profesional, o profesor Carracedo publicou máis de 700 artigos en revistas internacionais, incluíndo artigos en  Nature,  Science e Cell, ademais de nas principais revistas de cancro, psiquiatría,  farmacoxenómica e medicina legal. 

Membro da xunta directiva de sociedades nacionais e internacionais de cancro,  farmacoxenómica e medicina forense, Carracedo é ademais presidente da Academia Internacional de Medicina Legal, membro de organismos reguladores e organizacións internacionais, e do consello asesor de máis de dez centros de investigación nacionais e internacionais así como do comité editorial de numerosas revistas de Xenética, Cancro e Medicina forense. Carracedo é membro do Consello da Cultura Galega e das Academias de Ciencias e Farmacia de Galicia, entre outras.

Asemade, recibiu numerosos premios, entre os que destacan o Premio Rey Jaime I de Investigación, concedido por un xurado de máis de 20 premios Nobel; a Medalla  Adelaide, a distinción máis importante a nivel mundial en Medicina Forense; a Medalla  Galien, a Medalla de Ouro de Galicia, o Premio Prismas de Divulgación, a Medalla Castelao, o Premio Novoa Santos, a Cruz ao Mérito da Policía e da Garda Civil, o Premio Fernández-Latorre, a Medalla de Ouro da Organización Médica colexial, ou a Medalla de Ouro da USC, entre outros. O profesor Carracedo é tamén doutor honoris causa por outras universidades de Europa e América ás que se suma o recoñecemento deste luns.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.02.2020.