Ir o contido principal

Ángel Carracedo, Premio Jaime I de Investigación Médica

O catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago Ángel Carracedo viu onte recoñecida toda a súa traxectoria investigadora co premio Jaume I na modalidade de Investigación Médica, un galardón instituído pola Generalitat Valenciana e a Fundación Valenciana de Estudos Avanzados dotado con cen mil euros.
O xurado, composto nesta edición por 21 Premios Nobel, ademais de catedráticos e científicos, valorou do director do Instituto de Medicina Legal de Santiago o seu traballo pioneiro no campo da xenética aplicada, destacando internacionalmente na innovación e aplicación das técnicas de labioloxía molecular á identificación de ADN e proteínas nas mostras forenses.
Ángel CarracedoÁngel Carracedo cursou a Licenciatura en Medicina na USC, ao igual que os cursos doutorais polos que recibiu os Premios Extraordinarios de Licenciatura e Doutoramento. Tras unha longa estancia na Universidade de Uppsala (Suecia) volveu á capital galega, onde acadou a Cátedra de Medicina Legal.
Membro do comité editorial de varias das revistas máis importantes do mundo no campo da xenética forense, dirixe o Instituto de Medicina Legal de Santiago, composto por un equipo que desde hai varios anos se sitúa entre os tres mellores grupos de investigación en medicina legal do mundo.
O profesor Carracedo, que desenvolveu toda a súa carreira docente e profesional na USC, forma parte ademais do proxecto Xenoma Humano e do consello da Sociedade Internacional de Xenética Forense. Recibiu numerosos premios entre os que destacan o Galicia de Investigación Sanitaria, o Gallego del Mundo en Ciencia e Investigación, o da Fundación Fontenla de Medicina Legal ou a Cruz ao Mérito Policial.
Instituto de Medicina Legal de SantiagoO Instituto de Medicina Legal da USC, considerado un dos laboratorios máis prestixiosos neste campo, realiza probas de paternidade, criminalística biolóxica, identificación humana e investigación en xenética forense dende 1978 e todo aquilo encargado pola Administración de Xustiza, “miles de casos ao ano”, explica Ángel Carracedo.
O traballo cotiá deste laboratorio especializado, a onde chegan solicitudes de todas partes do mundo, oriéntase especialmente cara tres tipos de casos como serían os de patoloxía molecular (morte súbita, reacción vital ou fechas de defunción), determinación da paternidade e numerosos de carácter criminal. O instituto resolve anualmente uns mil casos de toxicoloxía, douscentos de paternidade, outros tantos criminais e algunhas decenas de patoloxía molecular.
O Instituto traballa cunha serie de novos marcadores xenéticos entre os que se atopan os SNPs, que presentan moita sensibilidade para resolver casos e que forondesenvolvidos polo grupo compostelán conxuntamente con outros europeos dentro dun programa da UE. A resolución dos casos criminais no Instituto de Medicina Legal evolucionou de maneira destacada grazas aos SNPs, de xeito que esas probas poden realizarse en Santiago e en moi poucos laboratorios do mundo. De aí que á capital de Galicia cheguen casos especialmente difíciles de resolver como as análises forenses da mochila de Vallecas dos atentados do 11-M, as vítimas do tsunami do sureste asiático, o asasinato das nenas de Alcásser, o suicidio de Ramón Sampedro ou o ‘caso Enmanuel’.
Outros premiados Ademais do profesor Carracedo resultaron premiados cos Jaume I María Angela Nieto, Gonzalo Anes, Carlos Manuel Duarte, Juan Antonio Rubio Rodríguez e Joan Nogué Font nas categorías de Investigación Básica, Economía, Protección do Medio Ambiente, Novas Tecnoloxías e Urbanismo, respectivamente.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.06.2009.