Ángel Carracedo, protagonista da conferencia deste xoves sobre a saúde en universitarios da USC
‘Aula de Saúde’ é a denominación do ciclo de conferencias sobre a saúde en universitarios da USC que este xoves versará sobre as alteracións xenéticas. Será o profesor Ángel Carracedo quen interveña cunha conferencia ás 19:00 horas no Salón de Actos da Facultade de Medicina e Odontoloxía.
A finalidade do ciclo é proporcionar información e orientación sobre temas sanitarios de máxima prioridade para alumnos universitarios. Cunha carga lectiva de un crédito de libre configuración, este mesmo ciclo ofrecerase o este ano aos alumnos de todas as titulacións da USC.
Esta é a segunda das seis conferencias do programa, dúas por mes, que se van celebrar ata o vindeiro mes de maio. Os próximos temas a tratar profundarán nos desordes alimentarios; ansiedade, estres e depresión; saúde sexual; cancro e tumores.
Ángel Carracedo é un dos investigadores galegos más importantes en xenética. Director executivo da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, dirixe ademais o Nodo Santiago do Centro Nacional de Xenotipado e o Instituto de Medicina Legal da USC.
O seu traballo é pioneiro na xenética aplicada a enfermidades como o cancro, na farmacoxenética e na medicina forense. As súas investigacións teñen un impacto clave na introdución de novas tecnoloxías para a identificación forense e nos campos da xenética de poboacións. Recentemente recibiu o Premio Jaume I de Investigación Médica, que se suma a unha longa lista de galardóns nacionais e internacionais.