Un ano máis, Verán CampUSC concilia actividade lúdica e deportiva con educación en valores

A Universidade de Santiago poñía en marcha hai xa máis dunha década, de maneira pioneira no ámbito universitario, o programa Verán CampUSC, unha actividade de conciliación organizada pola Fundación USC. O programa, que conta coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, responde ao forte compromiso social da USC coa súa comunidade pero tamén coa propia cidadanía.
Son cincocentos os rapaces e rapazas que nos meses de xuño, xullo e setembro pasarán polos espazos deportivos e de lecer da Universidade e percorrerán tamén outros lugares da cidade. Todas as sesións do Verán CampUSC, planificadas con criterios psicopedagóxicos e de perspectiva de xénero, teñen como obxectivo ofertar unha ampla variedade deportiva baseada no respecto e na igualdade entre nenos e nenas para que, nun futuro, lles permita practicar deporte de forma autónoma, duradeira e pracenteira.
A rapazada que asiste esta quenda ao Verán CampUSC recibiu este martes a visita do reitor Antonio López, que estaba acompañado do delegado do Reitor para o Deporte, Javier Rico; da delegada do Reitor para a Igualdade, Sonia Rodríguez; do xerente da Fundación USC, Óscar Hermida; e da concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica, Miriam Louzao.
Amplo abano de actividades
As actividades teñen unha importante compoñente deportiva; dende as habituais probas do atletismo ata os deportes de equipo (clásicos, como o baloncesto ou voleibol, ou máis alternativos e emerxentes como o ultimate, colpbol ou quidditch), pasando polos xogos tradicionais.
Outra liña de actividades vai dirixida a que os rapaces e rapazas descubran novas habilidades persoais ou obradoiros artísticos e potencien as súas aptitudes e capacidades así como xornadas orientadas a gozar da natureza, como rutas de sendeirismo, carreiras de orientación ou descubertas no entorno natural do propio campus e arredores.
