"Antonio Casares foi un científico pioneiro e un persoeiro extraordinario”, salienta o reitor da USC
A mostra homenaxe ‘Antonio Casares, investigador e reitor da modernidade’ amosa desde onte na sala de exposicións da Deputación de Lugo trazos do legado vital e científico de Antonio Casares Rodríguez, considerado por moitos como o pai da Química moderna en Galicia e calificado de “ científico pioneiro e persoeiro cunha vida extraordinaria” polo seu tataraneto e reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long, quen tamén afirmou que “don Antonio Casares introduciu a Química na USC”.
O reitor da USC aproveitou a apertura ao público da mostra conmemorativa do 200 aniversario do nacemento de Antonio Casares Rodríguez (1812-1888) para revelar algúns datos e anécdotas singulares deste investigador nado en Sober e finado en Compostela. Así, Juan Casares precisou que ademais das múltiples titulacións académicas acadadas polo químico Antonio Casares, este tamén completou na súa madure os estudos de Enxeñería de Minas ou de Medicina. Tamén se referiu á súa ampla prole, xa que foi pai de doce fillos coas dúas mulleres coas que casou. Outras das achegas de Juan Casares respecto do seu tataravó atinxen a que Antonio Casares Rodríguez sorteou a encomenda recibida para determinar se os restos óseos atopados en Compostela pertencían ao apóstolo Santiago cun informe de base científica no que sostiña que “non apreciaba ningún elemento que probara que tales restos non foran do Apóstolo”. No eido persoal, o reitor da Universidade de Santiago tamén valorou a declinación de Antonio Casares, un persoeiro relevante e influínte na sociedade do século XIX, de que os seus restos mortais repousaran xunto con outros galegos ilustres nun panteón do compostelán convento de Santo Domingo de Bonaval polo que acabaron nunha fosa común e agora descoñécese onde se atopan, relatou Juan Casares. O comisario da exposición e integrante da comisión organizadora da mesma, o profesor da Universidade de Santiago, Manuel Bermejo, fixo na apertura da mostra un breve recorrido pola vida e as múltiples achegas científicas feitas por Antonio Casares, “o gran defensor da experimentalidade” que escribiu 116 tratados científicos dos máis diversos temas entre 1836 e 1888. “Elaborou o primeiro mapa enolóxico de Galicia, é un dos dous científicos españois que conta cun mineral descuberto por el mesmo, foi o primeiro en conseguir luz eléctrica…”, relatou Bermejo na apertura da mostra ‘Antonio Casares, reitor e investigador da modernidade” na Deputación de Lugo, onde o deputado responsable da área de Cultura, Mario Outeiro, afirmou que “esta exposición é unha débeda que Lugo tiña contraída coa figura de Antonio Casares”. O acto de inauguración desta heteroxénea exposición monográfica sobre Antonio Casares congregou a numeroso público na sala de exposicións da Deputación Provincial de Lugo, onde se deron cita unha nutrida representación do profesorado do campus de Lugo, entre o que cabe salientar a asistencia de varios decanos de facultade. O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Pedro García Herradón; o vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación, Pablo Ramil, e o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Ramón Durán, tamén se atopaban entre os presentes. Estrutura e organización da mostra Cronoloxicamente a mostra parte das súas orixes en Monforte de Lemos para logo trasladarse, como estudante universitario, a Valladolid e máis tarde ao Colexio de San Fernando de Madrid. Continúa o percorrido pola súa faceta como docente prestando especial atención ao seu relevante papel como tradutor e autor de numerosos libros. A figura de Antonio Casares como importante persoeiro na vida institucional da Universidade (decano de Filosofía, de Farmacia e finalmente reitor entre 1872 a 1888) e como promotor da colaboración multidisciplinar a través da revista da Academia, primeira publicación de carácter científico en Galicia, son outros aspectos destacados na mostra. A farmacia, a familia (xefe de saga) e o seu entronque coa burguesía da cidade do XIX, que emparenta con outras familias daquela, ocupa tamén un espazo da exposición que desemboca no legado que deixou a través dos seus discípulos. A mostra complétase coa contribución científica de Casares, tanto a orixinal no eido da química como aqueles noutros campos aos que prestou atención. Así, mostrarase material relacionado co seu labor analítico en campos como a espectroscopía, a análise de augas e viños; cos anestésicos; os ditames periciais; o descubrimento dos minerais Morenosita e Zaratita; a experiencia da luz eléctrica (foi o primeiro que xerou luz eléctrica en España, nun experimento realizado no claustro da Facultade de Xeografía e Historia) ou a estación meteorolóxica (montou o primeiro observatorio meteorolóxico de Galicia), entre outros. Os diversos apartados da exposición confórmanse co material doado para a ocasión polos diversos centros da Universidade compostelá pero tamén por museos e organismos espallados por toda Galicia que dan conta da vida e obra dun científico comprometido coa sociedade da época na que vivía.
A mostra ‘Antonio Casares, investigador e reitor da modernidade’ constitúe asemade o cerne do programa de actos deseñado no marco do ‘Ano Antonio Casares Rodríguez (1812-2012)’. Este ciclo, co que a Universidade de Santiago de Compostela rende homenaxe ao que tamén fora seu reitor, rematará o 26 de abril, coincidindo co 125 cabodano do seu pasamento, coa presentación do libro Ano Casares, unha recompilación das actividades e conferencias realizadas ao longo de todo o curso.
Público asistente á apertura da mostra na sala de exposicións da Deputación de Lugo Unha das vitrinas da exposición