Ir o contido principal

Antonio López defende transformar a USC con “rigor, ética e flexibilidade” nunha institución acaída ás necesidades sociais

De esquerda a dereita, Otero, Valcárcel, López, Muñuzuri e Besteiro, na Facultade de Formación do Profesorado
De esquerda a dereita, Otero, Valcárcel, López, Muñuzuri e Besteiro, na Facultade de Formación do Profesorado
O reitor chama a recuperar a cultura da anticipación para afianzar a USC na vangarda no acto académico da festividade de San Tomé celebrado en Formación do Profesorado

O reitor da USC, Antonio López, presidiu este luns o acto académico da festividade de San Tomé de Aquino na Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo, no marco dunha sesión na que apelou á necesidade de recuperar a cultura da anticipación no seo da institución universitaria para afianzala en posicións de vangarda e avanzar con garantías na transformación da “USC dos baby boomers nunha acaída aos hábitos, modelos e necesidades da sociedade actual con rigor, ética e flexibilidade”.

“A estrutura da USC, do mesmo xeito que a do conxunto da universidade española, está a quedarse vella”, afirmou López no seu primeiro discurso de San Tomé como reitor, unha intervención na que se referiu á necesidade de adaptación ás novas tecnoloxías, ás novas formas da investigación e xestión, e mesmo os novos modelos e hábitos de vida como “un reto global da institución universitaria”.

O modelo universitario español concibido alá polos anos 70 e 80 do pasado século XX aproveitou a explosión demográfica e entón chamada “masificación das aulas” para fortalecer a docencia, e transformar e profesionalizar a investigación e a xestión. Os baby boomer nutriron e incrementaron primeiro as nosas aulas como estudantes, despois encheron os nosos cadros como docentes ou xestores, pero nos próximos quince anos xubilaranse practicamente na súa totalidade”, lembrou López, para logo apuntar que os estudantes actuais, que forman parte das chamadas xeracións ‘millennials e centennials’, teñen unha nova relación coa tecnoloxía, unha diferente concepción da universidade e do valor da súa profesionalización universitaria e, sobre todo, teñen modelos e hábitos de vida absolutamente distintos aos que nos tiñamos.

Estes cambios achegan a chamada Universidade 4.0, un modelo universitario centrado en satisfacer as necesidades e os problemas da sociedade e da industria, e especialmente comprometida coas necesidades do estudantado. A USC está a avanzar nesta liña no ámbito da investigación, a través da transferencia, incubadoras, hubs, emprendemento..., pero queda moito por facer no eido da docencia. Daquela, “o gran reto da USC é facer accesible o coñecemento en tempo real e en calquera lugar. Estamos diante dunha grande oportunidade, existen ferramentas e solucións tecnolóxicas, pero cómpre deseñar e crear contidos para acadar estes obxectivos”, dixo López, ao tempo que asegurou que “a USC non renuncia á presencialidade e loitará por aumentar os atractivos dos seus campus para mantelos cheos de mozos e mozas”.

O reitor da USC sostén que este proceso de transformación da institución universitaria debe acometerse con ética e rigor, para facelo ben e poder acreditalo. “A USC aspira así a ser unha universidade ética, rigorosa, pero tamén flexible en todos os ámbitos laborais, procedementos de avaliación, oferta e impartición de graos..., porque a flexibilidade é un dos perfís do novo tempo”, sentenciou López.

O rigor na xestión dos recursos económicos, infraestruturas e de persoal debe ser outro dos piares deste proceso de cambio. A USC está a traballar nun novo plan de persoal que debe servir para recuperar o talento perdido nestes anos, garantir a consolidación e proxección do persoal que ten visto interrompida a súa carreira por mor da crise, e, finalmente, incorporar e fortalecer os nosos cadros, dixo o reitor, quen confía que estes cambios permitirán á USC afrontar en mellores condicións as negociacións do próximo plan quinquenal de financiamento coa Xunta de Galicia.

O aproveitamento rigoroso e flexibe dos espazos universitarios, a fin de optimizar o aproveitamento das instalacións e reducir os custos de mantemento é unha das prioridades do plan de infraestruturas da USC, unha ferramenta que debe axudar á USC a prepararse cara a progresiva virtualización do ensino e das aulas, sinalou o reitor, que tamén se referiu aos recentes acordos da institución académica para o refinanciamento da súa débeda, ampliando o prazo, reducindo os xuros, e fixando cotas anuais de amortización, lineais, ata o 2028. “Esto supón unha verdadeira oportunidade para unha universidade que estaba condenada a unha situación económica imposible de superar nos anos 2019 e 2020”, sentenciou López.

Campus de Lugo

O reitor salientou o carácter bicampus dunha USC que ten “a súa faciana máis nova no campus de Lugo”, o máis afectado polo impacto da crise, dixo, para, de seguido, valorar de xeito especial os esforzos realizados e que aínda se están a facer para afrontar as dificultades nunha sede universitaria máis pequena, con menos recursos e menor capacidade de sinerxías.

Unha das grandes fortalezas do campus lugués é a súa vocación cara ás tecnoloxías da terra, esa orientación agro-gandeira e forestal que fai que os saberes que aquí se imparten, e a investigación que neses ámbitos se desenvolve, non teñan competencia no país. Daquela, o Campus Terra parece un lugar acaído para materializar a aposta da USC pola sustentabilidade, dixo. A recente concesión da agrupación Biorrecursos: Desenvolvemento e Produción Sustentable (BioReDes) non fai mais que recoñecer esa fortaleza da investigación lucense. A este logro, engadiu López, cómpre sumar tamén a acreditación da Facultade de Veterinaria pola EAEVE, outro recoñecemento internacional para un campus que xa traballa na organización acto de investidura como doutor honoris causa do profesor Klaus von Gadow, apadriñado polo catedrático da USC na EPSE Juan Gabriel Álvarez.

Lección maxistral

O reitor da USC aproveitou a festa de San Tomé para agradecer o apoio recibido do Concello e da Deputación Provincial de Lugo, así como da Xunta de Galicia, un agradecemento que fixo extensivo a toda a comunidade universitaria e, nomeadamente ao profesor e decano da Facultade de Formación do Profesorado pola lección maxistral desenvolvida baixo o título ‘Ensino da xeografía, educación xeográfica e alfabetización cartográfica’.

O profesor Rodríguez Lestegás afondou na súa intervención no concepto de xeografía como un saber estratéxico que as minorías dirixentes utilizan como instrumento de poder, así como un coñecemento que permite a adopción dunha perspectiva moi acaída para a comprensión do noso mundo. “Os mapas son representacións selectivas e parciais do territorio, polo que a súa utilización non pode escapar dos prexuízos persoais nin da manipulación política”, sinalou Lestegás, para logo engadir que “é responsabilidade da escola esforzarse en lograr unha axeitada alfabetización cartográfica dos estudantes que lles permita o desenvolvemento do pensamento espacial”.

Representación académica e de autoridades

A cerimonia académica de San Tomé congregou numerosas autoridades dos ámbitos político, académico, científico, cultural e social, entre os que se atopaban a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; a Valedora do Pobo, Milagros Otero; o secretario Xeral de Universidades da Xunta, José Alberto Díez de Castro; o deputado provincial Álvaro Santos; os xefes territoriais da Xunta en Lugo de Presidencia, Educación e Cultura, Ramón Carballo, Carme Gueimunde e María José Gómez, respectivamente; o portavoz de En Marea no Parlamento de Galicia, Luis Villares; a presidenta da Acsug, Patrocinio Morrondo; a presidenta de El Progreso, Blanca García Montenegro; o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras; a vogal do Consello Social da USC Blanca de Cora, parlamentarios, deputados, concelleiros, así como outros representantes políticos, de colexios profesionais e demais autoridades.

A representación académica tamén foi moi numerosa nesta celebración da festividade de San Tomé. Así, alén do equipo de goberno da USC liderado por Antonio López, que estivo arroupado pola vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, e os adxuntos á citada Vicerreitoría, así como polos responsables de todas as vicerreitorías da USC, o acto académico tamén contou coa participación da Secretaria Xeral da USC e do equipo de Xerencia, ademais dunha ampla representación de decanos e directores de facultades, escolas, centros e departamentos universitarios, docentes, e persoal de administración e servizos da institución académica.

Autoridades académicas e civís presentes no acto académico de San Tomé O catedrático Rodríguez Lestegás, nun intre da súa lección maxistral Público presente no acto

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.01.2019.