Antonio Mourelos, presidente da Academia Galega do Audiovisual: “O galego leva 26 anos dándome de comer”
“O galego leva 26 dándome de comer”. Antonio Mourelos, presidente da Academia Galega do Audiovisual, respondeu deste xeito á pregunta suscitada polas xornadas ‘Os medios en galego, importan?’ na palestra que xunto con Juan Carlos F. Fasero, director da AGADIC, e Cristina Mouriño, membro do Consello da Cultura Galega, xirou arredor dos modelos de financiamento do audiovisual e políticas públicas. O actor e profesor da USC afirmou que nunca tería traballado na dobraxe nin na interpretación de non ser polo galego, motor que engraxa un sector do que “dependen máis de 3.000 postos de traballo”. Porén, considera que xa non é garantía de futuro para as novas xeracións do audiovisual. “A xuventude galega fala e respecta o galego, en boa medida, porque merendou co Xabarín mais, e oxalá me equivoque, teño serias dúbidas de que a TVG siga sendo a portada de entrada máis próxima ao mundo laboral para os novos licenciados”. En referencia á política de axudas ao audiovisual, Mourelos defendeu un cambio de modelo que naza do consenso de todos os sectores implicados. Entre as eivas do modelo actual, o actor sinalou ás axudas a fondo perdido “porque fomentan produtos de mala calidade”, e apostou por orientar máis as subvencións aos novos talentos e á promoción, unha vez que un proxecto cinematográfico, xa finalizado, demostre calidade suficiente como para ser vendido e exportado. Cineclubes Juan Carlos Fasero, que tamén sinalou á CRTVG como a xeradora do tecido audiovisual galego, fixo fincapé na particular crise que sofre o sector como consecuencia da transformación cara ao dixital. Esta incide en boa medida, segundo sinalou o xerente da institución pública, na exhibición de filmes nas salas. Por iso, suxeriu que a creación dunha rede de cineclubs alternativa ás salas comerciais podería ser a solución tanto para o cine galego, como para o español ou o europeo, supeditados aos parámetros que a industria cinematográfica americana impón para a proxección de pezas audiovisuais nos cines de todo o mundo. A resistencia: novos modelos de prensa en galego Xurxo Salgado, director de Galicia Confidencial, o xornal dixital en galego con maior número de visitas (50.000 á semana) destacou o éxito do proxecto á marxe das axudas económicas públicas, “aspecto fundamental para que un medio poida ser libre”. Como ingredientes básicos da iniciativa, Salgado sinalou a importancia da opinión, a información local e comarcal, o desenvolvemento dunha canle multimedia propia e, especialmente, o papel das redes sociais. Asemade, Salgado destacou a pluralidade ideolóxica do medio e a aposta de modernización e adaptación ás novas tecnoloxías que están a desenvolver, “somos o primeiro medio dixital con community manager, temos versión móbil e aplicacións para Android”. Carlos Barros, director de Novas da Galiza, definiu o espírito do semanario como “a vontade dun grupo de xornalistas de exercer a súa profesión desde unha perspectiva de esquerdas e reintegracionista” subliñando que “facemos un xornalismo que molesta aos poderes”. Barros destacou que Novas da Galiza segue apostando polo papel, por ser o máis apropiado para “desenvolver información de profundidade e unha lectura sosegada”, e pola comunicación horizontal como elemento clave. Respecto do rol do galego nos medios que aínda resisten, o subdirector do Galicia Hoxe, Xavier Cea, sinalou que “aínda que ao dicir isto se me removan as entrañas, o galego hipoteca os medios” e considera que “traballar en galego é moito máis difícil que facelo en castelán”.