Antonio Rial Boubeta, premio Nécora de Ouro da Fundación Galega contra o Narcotráfico
"Pola calidade dos estudos realizados sobre adiccións na poboación adolescente de Galicia, así como a ampla difusión dos mesmos, logrando divulgar e comunicar estudos de calidade científica máis aló do ámbito académico". Así se pronunciou o xurado dos premios Nécora de Ouro outorgados pola Fundación Galega contra o narcotráfico á hora de anunciar a concesión do galardón para o profesor da USC Antonio Rial Boubeta.
Os galardóns que foron entregados na Gala Anual da Fundación Galega contra o Narcotráfico, celebrada no Auditorio de Vilagarcía de Arousa, recoñeceron o traballo desenvolvido por este profesor da Facultade de Psicoloxía. Rial Boubeta é director científico do informe ‘Estudio sobre el impacto de la tecnología en la adolescencia’ no que avaliou os hábitos de dous millóns de adolescentes de entre 11 e 18 anos de toda España, entre novembro de 2020 e marzo de 2021, poñendo sobre a mesa “un estudo pioneiro en Europa”, tal e como explicou este investigador da Unidade de Psicoloxía do Consumidor da USC. Este traballo representa un estudo “comprensivo e inclusivo sobre o uso saudable das tecnoloxías que ofrece unha foto precisa dun segmento de poboación moi concreto”, engade o catedrático da USC.
Caso galego
Un de cada catro adolescentes en Galicia usa de forma intensiva e sen supervisión Internet e as redes sociais; ademais, un de cada cinco podería “ter un certo enganche” aos videoxogos, segundo o informe que no mes de febreiro, o profesor Rial Boubeta presentou xunto a UNICEF Comité Galicia, coa colaboración da USC e do Consello Xeral de Colexios de Enxeñaría en Informática (CCII), baixo o título ‘Impacto da Tecnoloxía na Adolescencia en Galicia. Relacións, Riscos e Oportunidades’.
O estudo recolle as opinións de máis de 3.000 adolescentes de 19 centros de Ensino Secundario Obrigatorio de Galicia, dos que o 90,8% conéctase a Internet todos ou case todos os días. Aínda que recoñecen que a Rede lles pode facer sentir alegría (97,9%), diversión (82,9%), tranquilidade (81,9%) ou apoio e comprensión (71,5%), do informe despréndense tamén conclusións e datos preocupantes. Aqueles/as adolescentes que fan un uso problemático da Internet ou que poderían ter unha posible adicción aos videoxogos presentan niveis máis baixos de integración social e familiar, benestar emocional e satisfacción coa vida, tal e como evidenciaron no acto de presentación, os responsables do informe.