Ir o contido principal

Antonio Rigueiro, un “universitario senlleiro’

Antonio Rigueiro amosa a Insignia de Ouro da USC en presenza do reitor Antonio López
Antonio Rigueiro amosa a Insignia de Ouro da USC en presenza do reitor Antonio López
O catedrático da área de Produción Vexetal na EPS de Enxeñaría Antonio Rigueiro Rodríguez recibe a Insignia de Ouro da USC nun emotivo acto celebrado na Casa do Saber, no marco do que se puxo de manifesto tanto a súa “bonhomía e xenerosidade” como o seu legado como investigador e divulgar científico

O catedrático do Departamento de Produción Vexetal de Proxectos de Enxeñaría na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo Antonio Rigueiro Rodríguez recibiu este martes a Insignia de Ouro da USC no marco dun emotivo acto celebrado na Casa do Saber de Lugo, no que se puxo de manifesto tanto a súa “bonhomía e xenerosidade” como o legado da seu tantas veces pioneiro labor como investigador e divulgador científico.

“Antonio Rigueiro é un dos nosos, un universitario senlleiro, que, de non existir, sería preciso inventalo”, afirmou o reitor da USC logo de entregar a Insignia de Ouro, o máximo recoñecemento persoal que outorga a institución académica ao profesor doutor  que pronto adquirirá a condición de emérito. “Os méritos que atesoura Antonio Rigueiro desde a súa incorporación á USC en 1987 proban que a concesión deste distintivo responde a unha decisión acertada”, engadiu Antonio López, para logo remarcar o carácter e valía excepcionais que conflúen na persoa do profesor Rigueiro Rodríguez.

Agradecido e visiblemente emocionado logo de recibir a Insignia de Ouro da USC, Antonio Rigueiro recoñeceu que “é certo que esta distinción me fai ilusión, a pesar de que aínda me satisfai máis saber que xa formo parte da historia desta institución académica”, á que a partir do próximo curso seguirá vinculado en condición de emérito.

Abraiado polos méritos acumulados na súa persoa e lembrados nas voces da directora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE), Rosa Romero, quen, logo de repasar os cargos de xestión desenvolvidos por Rigueiro ao longo da súa traxectoria vital, referiuse a  el como “unha árbores de proveitosa e frondosa sombra”, e da tamén catedrática Rosa Mosquera, que falou do seu mentor como “unha árbore de moitos froitos e valores”, Antonio Rigueiro respondeu con agradecemento a tales eloxios, porque “eu pensei que non fixera tantas cousas”, comentou.

O homenaxeado coa Insignia de Ouro da USC, que previamente tamén recibira palabras de agarimo de presidente da Real Academia de Ciencias de Galicia, Juan Lema, quen salientou a condición de Rigueiro como “un dos académicos máis veteranos e tamén dos máis queridos, tratou de lembrar na súa intervención todas as persoas que, dun xeito ou doutro, colaboraron na realización das distintas tarefas que lle foron encomendadas.

Así, logo de repasar algún dos trazos que foron condicionando a vida daquel neno que estaba chamado a ser o herdeiro da casa de Carballo, de Vilameá, no Val do Mao, e tras debullar algunhas das súas múltiples peripecias, Antonio Rigueiro apuntou a creación da actual Escola Politécnica Superior de Enxeñaría como centro universitario que imparte a formación superior no ámbito agroforestal e a posterior creación do grupo de investigación Silvopast da USC, un grupo de referencia competitiva para a Xunta de Galicia, como dous dos seus maiores logros.

A estes méritos cómpre sumar unha ampla produción científica, segundo lembrou Rosa Mosquera, un traballo que se traduce en preto dun centenar de artigos en revistas científicas de impacto, decenas de libros, teses de doutoramento e outras múltiples colaboracións. A tamén catedrática do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría no Campus Terra da USC puxo tamén en valor a importante captación de fondos europeos xestionada polo grupo de investigación Silvopast da USC para o desenvolvemento de distintos proxectos e actuacións que favorecen a transferencia de coñecemento e de resultados de I+D á sociedade, ao tempo que animou ao profesor Rigueiro a seguir colaborando, pero “amodiño”.

O acto de entrega da Insignia de Ouro da USC a Antonio Rigueiro congregou na Casa do Saber de Lugo máis dun centenar de persoas, entre as que cómpre salientar a presenza dunha ampla representación de docentes e investigadores universitarios, decanos, decanas e directores de centros universitarios, así como a secretaria Xeral da USC, Dulce García Mella, e o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, ademais de dirixentes políticos, entre os que figuraba a alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez, quen reiterou a súa “gratitude” ao profesor Rigueiro.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.07.2022.