Ir o contido principal

Ánxela Bugallo visitou as obras de ampliación da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo

A última fase do proxecto estará rematada a mediados de 2009

A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, acompañada do vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, o director xeral de Patrimonio Cultural, Felipe Arias; e o alcalde de Lugo, Xosé López Orozco visitaron este mércores 4 as obras de ampliación da Vicerreitoría luguesa onde se está a desenvolver tamén o proxecto museográfico dos restos da vila romana e do Mitreo.
Estes traballos de consolidación e posta en valor dos espazos desta vila romana realizáronse grazas a un convenio que ascendeu a 3,2 millóns de euros, dos que a Universidade de Santiago achegou 1 millón de euros, a Consellaría 1.600.000 euros, e o Concello de Lugo investiu case 600.000 euros. A colaboración das tres institucións fixo compatible a musealización co levantamento do novo inmoble, cando en 2000 as obras de construción no novo edificio da Vicerreitoría do Campus de Lugo, fixeron saír á luz este importante xacemento.
O vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, agradeceu a correcta colaboración institucional entre as tres administracións “que apostaron pola recuperación deste tipo de bens como é o xacemento que aquí temos”.
O remate das obras está previsto para mediados de 2009. O proxecto propón un percorrido circular a través de plataformas elevadas que permiten atravesar as distintas estancias da vila romana. O programa expositivo articúlase a partir dos tres espazos máis relevantes do xacemento: a domus ou casa altoimperial, o mitreo e a muralla. Ademais, incluirá diverso material divulgativo que contextualice e interprete o xacemento na súa época.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.02.2009.