Ir o contido principal

Anxo Loureiro, próximo convidado do ciclo ‘Pasados incómodos: guerra, memoria e historia’

O profesor do Departamento de Lingua e Cultura Española e Portuguesa da Universidade de Princeton Anxo Loureiro impartirá este martes 20 unha nova conferencia do ciclo ‘Pasados incómodos: guerra, memoria e historia’ que organiza o grupo Histagra. A intervención de Anxo Loureiro comezará ás 12.00 horas na Aula 14 da Facultade de Xeografía e Historia co título ‘Memoria da historia, historia da memoria’. Doutor e docente de literatura contemporánea española, cine e teoría crítica na Universidade de Princeton, onde ademais ocupa a dirección do Departamento de Lingua e Cultura Española e Portuguesa. Con anterioridade foi profesor na Massachusetts-Amherst University e profesor visitante no Amherst College e na Harvard University. Ten publicado artigos sobre a poesía española dos séculos XVIII e XIX, así como sobre a obra de Valle Inclán, a ficción contemporánea española, a teoría da autobiografía, cultura española e sobre o xénero da autobiografía en España. O ciclo Especialistas da historia, estudos culturais, socioloxía, xudicatura e do pensamento analizan coas súas conferencias o pasado e a memoria, así como o seu tratamento presente no ciclo ‘Pasados incómodos: guerra, memoria e historia’. Baltasar Garzón, Miguel Anxo Murado, Ricardo Robledo ou Xermán Labrador son algúns dos conferenciantes convidados.

Histagra
Un dos principais obxectivos de Histagra é o estudo do golpe de 1936, a Guerra Civil, o franquismo e a transición política en España, e neste marco se desenvolverá o ciclo de conferencias dando así continuidade á experiencia acumulada polo grupo de nomesevoces.net que en 2007 organizou o I Encontro de Grupos de Investigación: Historia e Memoria e en 2010 o Congreso Internacional: Memoria da Guerra, reconciliación e cultura de paz.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.05.2014.