Ir o contido principal

Apertura oficial do foro internacional universitario ‘O valor dos dereitos humanos no Camiño de Santiago: potenciando o turismo sustentable’

O Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia, acollerá este venres 23 o foro internacional universitario ‘O valor dos dereitos humanos no Camiño de Santiago: potenciando o poder do turismo para promover o diálogo intercultural e a consecución dos obxectivos de desenvolvemento sustentable’.

Este proxecto internacional, que reúne en Santiago máis dun centenar de estudantes internacionais, está promovido pola Organización Mundial do Turismo, o Grupo Compostela de Universidades e Helsinqui España e nel participan unha vintena de universidades de 13 países.

A inauguración oficial terá lugar ás 9:00 horas nun acto no que participarán o reitor da USC, Juan Viaño Rey; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; a representante da Organización Mundial do Turismo Addaia Arizmendi; a vicepresidenta do Grupo Compostela de Universidades, Inmaculada Fortanet; e a presidenta de Helsinki España – University Network, Ana Nieto.

A continuación, ás 9.30 horas, os reitores e representantes das diferentes universidades internacionais asinarán unha declaración institucional que recolle o compromiso das universidades participantes de traballar para alcanzar os obxectivos de desenvolvemento sustentable, protexer os dereitos humanos e promover un turismo que contribúa ao crecemento económico, a un desenvolvemento incluente e á sustentabilidade ambiental.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.03.2018.