Ir o contido principal

A APL e a Politécnica reivindican o interese da industria alimentaria coa campaña ‘A ciencia dos alimentos”

De esquerda a dereita, María Teresa Alegre, Javier Bueno e Juan Méndez, na presentación da campaña 'A ciencia dos alimentos'
De esquerda a dereita, María Teresa Alegre, Javier Bueno e Juan Méndez, na presentación da campaña 'A ciencia dos alimentos'
Esta iniciativa, que inclúe relatorios, exposicións itinerantes e unha xincana polas rúas de Lugo, busca dar a coñecer a importancia económica do mundo da alimentación

A Aula de Produtos Lácteos (APL) da Universidade de Compostela e a Escola Politécnica Superior do campus de Lugo reivindican a modernidade, a innovación e as múltiples posibilidades de inserción laboral que ofrece a industria alimentaria a través da campaña ‘A ciencia dos alimentos’. Esta ambiciosa iniciativa apoiada polo Ministerio de Economía e Competitividade e pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía, busca impulsar as vocacións científicas, na súa vertente alimentaria, entre o alumnado lugués de ensino secundario e ciclos de formación profesional de grado medio e superior relacionados coa produción de alimentos.

O director da Aula de Produtos Lácteos da USC, Juan Méndez Dónega, e o director da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, Javier Bueno, e a profesora e coordinadora de curso do grao en Enxeñaría de Industrias Agroalimentarias da Universidade de Santiago de Compostela, María Teresa Alegre, salientaron a pertinencia da campaña ‘A ciencia dos alimentos’, sobre todo nunha etapa de crise económica durante a que o sector da alimentación é un dos poucos, por non dicir o único que xera empregos e mínimas expectativas laborais. Divulgar e dar a coñecer na sociedade a importancia económica do mundo da alimentación, un sector vertebrador en Galicia, así como do seu crecente e innovador soporte científico e tecnolóxico, é un dos obxectivos da campaña ‘A ciencia dos alimentos’, unha iniciativa desenvolvida en colaboración coa Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, especialmente a través do seu grao de Enxeñaría das Industrias Agroalimentarias, unha opción formativa a ter en conta por todos/as aqueles/as que desexen orientar a súa futura actividade profesional ao sectores produtivos ou industrias ligados ao mundo da alimentación. A importancia do sector alimentario na economía española está fóra de toda dúbida, tal e como o demostran as estatísticas computadas pola Federación Española de Industrias da Alimentación e Bebidas (FIBA), que eleva a 83.773 millóns de euros o valor das vendas netas realizadas polo sector no exercicio 2011. Estas cifras supoñen o 16% das vendas netas realizadas pola conxunto das industrias e representan o 7,6% do PIB español, segundo os datos compilados pola FIBA. A entidade informa asemade que o sector de alimentación e bebidas está formado por unhas 30.000 empresas (96% pemes), que ofrecen emprego a 446.300 persoas, o que representa o 17% do emprego industrial. O total de gasto en alimentación rexistrado en España no 2012 ascendeu a 100.678 millóns de euros, dos que 67.634 corresponden aos fogares, nos que se aprecia un aumento do consumo de produtos frescos e de primeira necesidade. A carne concentra o maior presuposto do gasto en alimentación dos fogares españois, nos que o consumo deste produto medrou o pasado ano un 0,8%, mentres que o do peixe foi un 1,2% menos que no exercicio 2011, segundo a FIBA. O consumo de hortalizas semella estabilizado, do mesmo xeito que ocorre co leite envasado, mentres que o gasto en pataca medrou o pasado ano por riba dun 3%, un punto porcentual máis no caso do viño. No caso de Galicia, a FIBA sitúa o gasto por cabeza en alimentación no 2012 en 1.393,8 euros, fronte aos 1.468,1 euros da media española. Accións contempladas na campaña A campaña ‘A ciencia dos alimentos’ contempla o desenvolvemento de diferentes accións presenciais e outras a través do uso das novas tecnoloxías da información e da comunicación. Respecto das primeiras a campaña conta cunha exposición itinerante sobre ciencia dos alimentos centrada nas agroindustrias máis relevantes para a economía galega: carne, peixe, leite e viño, que se pretende que visite varios centros de ensino das provincias de A Coruña e Lugo, nos que tamén se celebrarán charlas sobre a innovación no sector. Estas accións de tipo presencial complétanse con xornadas de portas abertas en centros universitarios e industriais, nas que o alumnado dos centros de ensino medio interesados poderán coñecer por dentro a Aula de Produtos Lácteos da USC, así como outras dependencias e centros universitarios do campus lugués. De xeito parello, o estudantado que tome parte nesta campaña tamén poderá participar nun concurso de deseño de leites fermentadas, unha tarefa na que os/as estudantes contarán coa axuda dun profesor ou profesional. No eido das TIC, os promotores da campaña ‘A ciencia dos alimentos’ xa puxeron en marcha un blog, conectado tanto coa exposición itinerante como cos relatorios organizados. Asemade, no marco desta iniciativa tamén se celebrará no mes de maio na capital luguesa unha xincana QR, na que participarán diversos establecementos de alimentación, hostalería e doutros sectores, nos que os/as participantes deberán ir buscando as pistas que os conduzan de fase en fase. Esta xincana, baseada nos códigos QR, pretende involucrar un bo número de actores socieconómicos da cidade de Lugo para facer notar a importancia que ten a industria alimentaria e os centros formativos universitarios de investigación en alimentos na actividade económica de Lugo. Cos participantes nesta xincana organizarase logo unha xornada de visitas a catro empresas alimentarias. A coordinadora de curso do grao en Enxeñaría das Industrias Agroalimentarias, a profesora María Teresa Alegre, participou na presentación da campaña ‘A ciencia dos alimentos’, o primeiro dos actos institucionais organizados pola dirección da Escola Politécnica Superior co gallo do Día da Terra, que se celebrará o vindeiro 22 de abril, para adiantar algunhas das potencialidades e atractivos do grao en Enxeñaría das Industrias Agroalimentarias, unha opción formativa que, na súa opinión, segue a ser canle axeitada para a inserción laboral.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.04.2013.