A aplicación móbil PrevANS pretende medir o risco de padecer ansiedade e proporcionar ferramentas para paliala
A aplicación móbil PrevANS quere proporcionar ferramentas e estratexias aos usuarios/as para evitar a ansiedade na poboación adulta. A partir dunha ‘calculadora de risco’ baseada nun pequeno cuestionario, valora os factores de risco de cada persoa (problemas de saúde física, dificultades económicas ou insatisfacción co traballo) e indícalle a probabilidade que ten de padecer problemas de ansiedade no próximo ano. A aplicación está a ser testada por un equipo no que participa persoal investigador da USC xunto ao Instituto de Investigación Biomédica de Málaga (Ibima), da Universidade de Málaga, Universidade Loyola de Andalucía e da Universidade de Salamanca.
“A ansiedade é o problema psicolóxico máis frecuente na poboación e calcúlase que afecta a aproximadamente tres millóns de persoas en España. Ante esta situación e co obxectivo de evitar que estas cifras continúen en aumento nace PrevANS”, explican dende o equipo investigador no que participa Carmela Martínez Vispo do Departamento de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía da USC. O obxectivo último é avaliar a eficacia dunha intervención psicolóxica en liña personalizada para a prevención da ansiedade. “Trátase, en definitiva, de mellorar a saúde mental e fortalecer o benestar de calquera persoa”, afirman.
Busca de persoas voluntarias
“Neste momento estamos na fase de avaliar a eficacia da intervención e para iso necesitamos participantes que proben a aplicación para poder analizar posteriormente a súa efectividade e se esta nova ferramenta realmente é capaz de evitar a aparición de problemas de ansiedade”, explican dende o equipo investigador. Para iso, buscan 2.000 persoas de España e Portugal que estean dispostas a instalarse a aplicación no seu móbil, tablet ou computador. As persoas que desexen incorporarse como voluntarios/as deben facelo a través da páxina web do proxecto.
“Con prevANS obterase apoio para coidar da saúde mental e fortalecer o benestar. Ademais, aprenderanse estratexias que axuden a reducir o estrés, os síntomas de ansiedade, as preocupacións e os medos”, sinalan. O equipo destaca a flexibilidade de uso desta iniciativa ao poder usarse “cando e onde queiras á hora que mellor se adapte á túa rutina diaria”. Ademais, o contido de prevANS será de balde e personalizado, terá en conta a probabilidade de cada persoa usuaria de padecer ansiedade e adaptará o adestramento ás súas necesidades.
PrevANS é un proxecto financiado pola Axencia Estatal de Investigación (AEI) e o Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII) do Ministerio de Ciencia e Innovación. Enmárcase dentro da Rede de Investigación en Cronicidade, Atención Primaria e Promoción da Saúde e está avalado polo Comité de Ética pertinente.