As aplicacións máis actuais da Resonancia Magnética orientadas ás ciencias biomédicas analizaranse nun simposio en Medicina
As aplicacións máis actuais da Resonancia Magnética (RMN) nas súas dúas vertentes de espectroscopía (MRS) e imaxe (MRI) orientadas ás ciencias biomédicas serán obxecto de estudo no transcurso dun simposio dirixido aos actuais e potenciais usuarios da Unidade de Resonancia Magnética. O encontro vaise celebrar este venres, día 9, no Salón de Actos da Facultade de Medicina da USC organizado pola Unidade de RMN da universidade compostelá.
O director da Rede de Infraestruturas de Apoio á Investigación e ao Desenvolvemento Tecnolóxico (RIAIDT), Joaquín Lado Abeal, será o encargado de abrir o simposio nun acto a celebrar ás 9:50 horas. A continuación comezará a quenda de intervencións co relatorio ‘Espectroscopía de Resonancia Magnética en Bioloxía e Medicina: historia, evolución e futuro’ a cargo de Sebastián Cerdán García-Esteller, do Laboratorio de Resonancia Magnética Funcional do Instituto de Investigacións Biomédicas ‘Albert Sols’. A continuación, o investigador do Grupo de Aplicacións Biofísicas e Biomédicas da RMN da Universidade de Valencia, Bernardo Celda Múñoz, falará sobre a metabolómica de biofluídos e tecidos.
A quenda de intervencións continuará a partir das 12:00 horas co relatorio ‘Introdución ao procesado e análise de datos de RMN con aplicacións en Metabolómica’ a cargo de Juan Carlos Cobas Gómez de Mestrelab Research. Deseguido, Manuel Martín Pastor, da Unidade de RMN da USC, falará sobre a espectroscopía de Resonancia Magnética no estudo de mezclas complexas e interaccións fármaco-receptor. Ramón Nova Carballal, do Departamento de Química Orgánica da USC, presentará unha intervención sobre a aplicación da RMN a sistemas poliméricos de interese biomédico. O programa científico deste simposio rematará coa presenza de Pedro Ramos Cabrer, do Instituto Max Planck para a Investigación Neurolóxica, que analizará os usos da MRI para o estudo de terapias de rexeneración celular en modelos animais.
As aplicacións da RMNAs aplicacións da RMN no eido da biomedicina abrangue un amplo espectro de posibilidades que vai dende o estudo da estrutura tridimensional de biomoléculas ou as interaccións fármaco-receptor ata a metabolómica ou a diagnose clínica. Na actualidade, os métodos de MRS mono e multidimensional permite analizar mostras tanto en disolución como de semi-sólidos (tecidos animais, xeles,...) ou de sólidos (amorfos ou cristalinos). Por outra banda, as técnicas de MRI permiten obter imaxes tanto ex vivo como in vivo. Trátase de técnicas non destrutivas que proporcionan unha gama moi ampla de información química con resultados cuantitativos.