Ir o contido principal

Aposta pola integración das persoas con discapacidade

Proxecto Edison
Proxecto Edison
O proxecto Edison, unha iniciativa de micromecenado promovida desde a Aula TIC-Pemes da USC co apoio de preto dunha decena de empresas, bota a andar o día 26 na Facultade de ADE e inclúe formación teórica e estadías laborais
Lugo

O proxecto Edison, unha iniciativa de micromecenado promovida pola Aula TIC-Pemes (ATP) da USC co obxecto de proporcionar formación universitaria a persoas con discapacidade orientada á adquisición de habilidades sociais e persoais para acceder a un posto de traballo de calidade, bota a andar o vindeiro mércores 26 de febreiro na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo, grazas á implicación e ao respaldo económico de preto dunha decena de empresas.

O obxectivo da primeira iniciativa do Campus de Lugo incluída no programa de micromecenado da USC é o de facilitar ao alumnado unha auténtica experiencia vital integradora e inclusiva que permita o seu desenvolvemento persoal e profesional. A empregabilidade e a inserción laboral de persoas vulnerables ou en risco de exclusión social a través da formación, constitúe a pretensión última do proxecto Edison, sinala a profesora da USC responsable da Aula TIC-Pemes, Ángeles López Cabarcos.

O Proxecto Edison defínese como un curso de perfeccionamento para o desenvolvemento de habilidades empresariais cuxos eixos básicos son a inclusión, a integración, a formación e a empregabilidade. Esta acción, desenvolvida da man e en colaboración coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), está estruturada en cinco meses de formación de carácter teórico e práctico.

As persoas inscritas como alumnos neste programa contarán coa titoría dos profesores universitarios que se ocuparán da formación teórica ao longo de tres meses. De seguido, os beneficiarios da primeira edición do proxecto Edison completarán unha estadía profesional durante un período de dous meses en diversos departamentos das empresas adheridas a esta iniciativa e que, ademais de asumir os custos da matrícula de cada participante, tamén desenvolverán labores de apadriñamento profesional nas súas respectivas sedes e instalacións.

A profesora López Cabarcos salienta o carácter social do proxecto Edison, ao tempo que fai fincapé na especial sensibilidade amosada por Arenal, Grupo Lactalis, Cafés Candelas, Caixa Rural Lugo, Dmanan, Tableros Hispanos, Seguros Senoroeste ou o Colexio de Economistas de Lugo, que son algunhas das empresas e entidades que optaron por avalar esta primeira convocatoria dun proxecto que aspira a ter continuidade no tempo.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.02.2020.