Ir o contido principal

Araceli Corbo, do MUSAC, explicará na USC as estratexias dixitais máis innovadoras no sector cultural

Araceli Corbo, do MUSAC, explicará na USC as estratexias dixitais máis innovadoras no sector cultural
Araceli Corbo, do MUSAC, explicará na USC as estratexias dixitais máis innovadoras no sector cultural
Participa este mércores 25 no Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural que imparte a USC na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

A relación entre as TIC e as redes sociais e os museos evolucionou ata o punto de pasar de seren realidades alleas, e mesmo contrapostas, a descubrirse como aliadas. Un equilibrio ao que se chega cando os profesionais da xestión cultural apostan polas posibilidades do eido dixital e os da comunicación cultural comprenden as necesidades específicas das institucións culturais.

Todo isto tratarao a experta Araceli Corbo, responsable da Biblioteca-Centro de Documentación do MUSAC (Museo de Arte Contemporánea de León), este mércores 25 ás 16.30 horas na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais nunha sesión do Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural da USC.

Corbo conta cunha ampla formación académica relacionada con todos estes ámbitos, ademais de cursos relacionados co eido da comunicación dixital. Actualmente compaxina o seu traballo no MUSAC coa docencia como profesora asociada da Universidade de León na área de Biblioteconomía e Documentación. Ademais da asesoría e comisariado de proxectos artísticos, imparte cursos e conferencias sobre a relación dos museos e as novas tecnoloxías.

A súa participación neste curso de posgrao, que a Universidade de Santiago de Compostela ofrece desde hai catro anos, responde a dous dos seus alicerces básicos como son proporcionarlle ao alumnado ferramentas para incorporar as novas tecnoloxías á xestión cultural e conectalo con profesionais e institucións de referencia do ámbito cultural.

Xestión cultural O Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural da USC naceu no ano 2014 impulsado polos profesores Isabel Neira e Gonzalo Rodríguez –codirectores do curso- e os xestores culturais de contrastada traxectoria Marcos Lorenzo e Sergio Lago.

O seu obxectivo é proporcionar novas ferramentas a profesionais e activistas da cultura para coordinar e deseñar toda clase de proxectos culturais, facilitar o seu acceso ao financiamento e dotalos da notoriedade e proxección social necesaria para conectalos cos públicos. Trátase, en definitiva, de impulsar desde a formación e a Universidade a modernización e adecuación ao novo marco europeo do sector cultural, que en Galicia supón o 2% do PIB.

O curso combina sesións teóricas coa elaboración dun proxecto cultural completo, así como prácticas en institucións e empresas culturais. Neste momento atópase na súa recta final, a piques de abrir o prazo de reserva de matrícula da súa vindeira –e quinta- edición.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.04.2018.