Ir o contido principal

A Área de Cultura USC ofrece este outono no campus de Lugo cursos de videocreación, fotografía social, rodaxe e montaxe

Cartaz do curso de fotografía social e de rúa impartido por Marcos Loopez e Adra Pallón
Cartaz do curso de fotografía social e de rúa impartido por Marcos Loopez e Adra Pallón
Sabela Eiriz, Marcos Loopez, Adra Pallón e Andrés Goteira impartirán estes módulos no Espazo de Fotografía e Cine da USC. A matrícula está aberta na Vicerreitoría de Lugo
Lugo

A Área de Cultura da USC ofrece este outono no campus de Lugo unha ampla programación formativa en diversos ámbitos artísticos que inclúe cursos e seminarios prácticos de videocreación, fotografía social e de rúa e rodaxe e montaxe dun proxecto audiovisual. O prazo de inscrición en calquera destes programas, que comezarán a desenvolverse o 18 de octubre, permanece aberto na oficina de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo. As persoas interesadas tamén poden obter máis información respecto dos contidos e obxectivos de cada curso na web do Espazo de Fotografía e Cine da USC.

O novo curso do Espazo de Cine da USC, unha iniciativa promovida desde a Vicerreitoría de Cultura, Comunicación e Servizos coa finalidade de favorecer a formación, a creación e a produción audiovisuais a través de monográficos orientados á realización de traballos audiovisuais, botará a andar no campus de Lugo o próximo 19 de outubro cun curso de videocreación dirixido a aquelas persoas que queiran achegarse ao mundo da videoarte dende diferentes disciplinas e linguaxes.

As sesións lectivas deste programa, que será impartido por Sabela Eiriz e que está estruturado en 50 horas de formación, desenvolveranse na Casa do Saber de Lugo en quenda de mañá os sábados 19 de outubro, 16 novembro, 21 de decembro de 2019, así como os días 18 xaneiro, 15 febreiro e 28 marzo de 2020. O número de prazas está limitado a un máximo de 16.

O guionista e director de cine Andrés Goteira, quen saltou á palestra do éxito con ‘Dhogs’, comezará o 25 de outubro a impartir un curso de rodaxe e montaxe dun proxecto, unha acción formativa a través da que o alumnado fará unha inmersión completa no eido do audiovisual. As sesións lectivas deste módulo desenvolveranse na Casa do Saber os días 25 e 27 de outubro, 1, 2, 3, 23 e 24 de novembro.

Os fotógrafos do diario cultural VivaLugo Marcos Loopez e Adra Pallón impartirán a partir do mércores 18 de outubro unha nova edición do curso de fotografía social ‘Aprende fotografía desde cero polas rúas de Lugo’. Este programa, a través do que as persoas matriculadas poderán aprender a manexar unha cámara fotográfica, ademais de facer fotografías e modo semiautomático e manual, ofrece un total de 16 prazas. As clases celebraranse en quenda de tarde, de 16.00 a 20.00 horas, os venres comprendidos entre o 18 de outubro e o 29 de novembro (agás o primeiro de novembro), na Facultade de Formación do Profesorado.

As persoas interesadas en completar a formación ofertada a través destes programas poden formalizar xa a súa matrícula na oficina de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo. Os estudantes da USC que completen estas actividades de formación complementaria poderán solicitar o recoñecemento de créditos ECTS. Tamén se pode obter máis información respecto da programación cultural da USC no campus de Lugo na web da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.12.2019.