Ir o contido principal

A Área de Deportes propón para marzo dúas rutas de sendeirismo por Esgos e a Serra do Xistral

O Servizo de Deportes da USC programou para este mes que acaba de comezar dúas novas rutas de sendeirismo por Esgos e pola Serra do Xistral, ambas as dúas de dificultade media. A primeira proposta partirá de Esgos cara ao mosteiro de San Pedro de Rochas, considerado unha auténtica xoia arquitectónica galega no que se atopa o Centro de Interpretación da Ribeira Sacra. O percorrido celebrarase o sábado 10 cun nivel medio e unha lonxitude de 18 quilómetros, na que abonda a riqueza de paisaxes polas cotas ás que se chegan. Xa cara finais de mes, o sábado 24 as persoas interesadas terán a oportunidade de coñecer a Serra do Xistral a través dun traxecto de 20 quilómetros na que a dificultade, inicialmente de grao medio, vén dada pola irregularidade do terreo nalgúns puntos. O grupo desprazarase á parroquia de Montouto, no concello de Abadín. A serra do Xistral ten a consideración de Lugar de Importancia Comunitaria polo seus altos valores naturais, como as turbeiras de cobertor, que os camiñantes poderán observar. A ruta inicialmente remonta o curso do río Eume ata practicamente o seu nacemento, moi preto do cumio do Xistral. Dende aquí, se o tempo o permite as vistas alcanzan a albiscar o mar Cantábrico. Dende este punto, o descenso farase polo val do río Pedrido.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.03.2012.