Ir o contido principal

A árnica galega, un tesouro por explotar que urxe máis control

Flor de árnica, nun campo da Terra Chá
Flor de árnica, nun campo da Terra Chá
Un proxecto do Campus Terra financiado pola Deputación de Lugo constata a viabilidade do cultivo da árnica e salienta que o habitual quimiotipo ibérico desta planta en Galicia amplía a súas propiedades medicinais, o que esperta unha maior demanda por parte da industria farmacéutica
Lugo

A árnica ben podería merecer en Galicia a popular consideración de ‘ouro verde’, mais a inexistencia de industria farmacéutica apropiada para a extracción e o aproveitamento das súas propiedade medicinais, sumado a unha exigua regulación respecto da súa conservación, protección e control das poboacións autóctonas desta especie lastran as múltiples posibilidades de explotación dun recurso natural cultivable e rendible.

Os resultados preliminares dun proxecto sobre a Árnica montana en Galicia costeado pola Deputación Provincial de Lugo, no que desde hai dous anos traballan Rosa Romero e Manel Vera, xunto con outros investigadores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC, non fan máis que ratificar as potencialidades dun recurso natural silvestre que, a tenor dos ensaios xa desenvolvidos, tamén se pode cultivar.

As propiedades farmacolóxicas ou medicinais da árnica, unha planta de sempre ben considerada polas súas propiedades antiinflamatorias e tamén de reabsorción de hematomas ou mazaduras son aínda máis acentuadas no caso da maioría das poboacións de árnica de Galicia, segundo subliña a  investigadora do Departamento de Produción Vexetal da USC Rosa Romero.

Romero, que antes de tomar parte no proxecto de recuperación da árnica en Galicia promovido pola Deputación Provincial de Lugo xa participara noutros estudos sobre esta planta medicinal xunto cos tamén profesores na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC Manuel Antonio Rodríguez Guitián, Carlos Real ou, entre outros, Antonio Rigueiro, subliña que a maior vantaxe competitiva da árnica de Galicia respecto das variedades desta especie presentes noutras rexións xeográficas, estriba en que depara menos efectos alerxénicos, unha singularidade que, como é obvio, incrementa o interese por parte das industrias e das compañías farmacéuticas.

Alén de posibles implicacións de factores ambientais, as causas do maior aprecio que ten a árnica de Galicia responde a motivos xenéticos, dado que a maioría das plantas (variedades locais de árnica) presentes en Galicia correspóndense co chamado quimiotipo ibérico, moitos menos alerxénico que o quimiotipo centroeuropeo, o máis habitual noutras rexións do centro-leste europeo e, sobre todo, en Romanía.   

As lactonas sesquiterpémicas do quimiotipo ibérico da árnica son asemade as que presentan as propiedades terapéuticas que espertan un maior interese por parte das farmacéuticas, segundo subliñou Manel Vera, quen coordina os estudos xenéticos coa colaboración de Carmen Bouza e o persoal do grupo ACUIGEN da Facultade de Veterinaria, así como o ADN e os marcadores moleculares desta especie no marco deste proxecto de I+D+i ao que a Deputación de Lugo achegou inicialmente 20.000 euros, unha contía que se aumentou no presente exercicio a 21.500 euros para ampliar a investigación.

Unha vez analizados os marcadores moleculares dos exemplares de árnica acopiados no Herbario do Campus de Lugo e logo de determinar a existencia de tres grupos poboacionais de árnica en Galicia (dous deles asociados ao quimiotipo ibérico e outro, a o centroeuropeo), as pescudas no ámbito da xenética nesta segunda anualidade do proxecto están orientadas á elaboración de librerías xenómicas, a fin de coñecer se hai outras rexións da cornixa cantábrica que contan con poboacións de árnica coas mesmas características xenéticas que as que presenta esta planta en Galicia e a identificación de xenes que expliquen as diferencias entre os quimiotipos.

Manexo e cultivo da árnica

A árnica de montana é unha planta silvestre que nace tanto en praderías como en uceiras  ou tubeiras e cuxa presenza tanto se pode advertir nestes tres tipos de hábitas a expensas da altura na que se atopen. De feito, os investigadores implicados neste proxecto de conservación desta planta medicinal estudaron exemplares localizados nos tres hábitats e a diferentes altura respecto do nivel do mar. A xeito e curiosidade, os investigadores salientan que as plantas de árnica de quimiotipo europeo están máis presentes nas zonas máis altas, tal e como ocorre na serra do Courel, subliñan.

As posibilidades de cultivo desta especie quedaron tamén probadas no marco deste proxecto, cuxos investigadores desenvolveron unha plantación experimental na Finca da Bouza, unha propiedade do chairego Xosé Otero localizada na parroquia de Xermar, en Cospeito. Neste viveiro experimental, os investigadores probaron o comportamento de ata catro localidades de árnica procedentes da Terra Chá.

O comportamento destas plantas no primeiro ano foi semellante, explican os investigadores, ao tempo que precisan que a árnica é unha planta que require de sol, e de solos húmidos ou, no seu caso, de rega. Ademais, engaden, dado que a árnica é unha planta cuxo crecemento se ve ameazado por outras herbas, no cultivar experimental optaron por colocar unha malla antiherbas.

A árnica cultivada ofrece unha produtividade moito más alta que a silvestre, sinalan os investigadores da USC, que, logo de lembrar que a flor é o elemento máis valioso desta planta e o que concentra as súas propiedades medicinais, indicaron que unha planta de árnica silvestre produce unha media de 1,5 capítulos (flores) no primeiro ano, unha cantidade que no caso das cultivadas pode hasta septuplicarse. Durante o segundo ano e posteriores, a árnica pode multiplicar por 30 a súa produción inicial de capítulos.

Información, regulación e control

O atractivo da potencial rendibilidade que ofrece a árnica está a propiciar que moitos particulares se interesen polo cultivo dunha planta que adoitan a mercar por internet, dado que en Galicia, non existen bancos de semente desta especie, indican Romero e Vera. Daquela, o problema é que a árnica adquirida ten o quimiotipo centroeuropeo e, daquela, o valor de mercado do seu futuro froito, é menor para as farmacéuticas.

A importación de árnica para a súa plantación en Galicia é un erro, sosteñen os investigadores da USC, que aconsellan sempre apostar polas variedades locais de cada zona, ao tempo que piden unha regulación máis exhaustiva sobre o control e a comercialización deste material vexetal, a fin de aumentar a protección da árnica local. Doutra banda, Romero e Vera subliñan o alto rendemento económico que poden deparar os cultivares de árnica, aínda que tamén fan fincapé no feito de que é unha planta que require certa laboriosidade e coidados por parte do produtor, ademais de que a recolleita de capítulos (flores) é un proceso manual.

Mapa de Galicia con localizacións de poboacións de árnica
Mapa de Galicia con localizacións de poboacións de árnica
Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.10.2020.