A arqueóloga Inmaculada López Flores profundará nas particularidades dos soterramento en covas e fosas da Guerra Civil
‘Escavando cemiterios, que nos contan os mortos?’ é o título co que se abordará este mércores 20 a partir das 20.00 horas o segundo dos relatorios do ciclo ‘As mulleres dos mortos’ que se desenvolverá ata abril na Facultade de Bioloxía da USC co obxectivo de poñer en valor o traballo que destacadas investigadoras e profesionais do eido do estudo dos esqueletos están a facer nun contexto internacional arqueolóxico e forense. Tras o éxito da primeira das xornadas do ciclo, na que se deron cita máis de 120 persoas para escoitar á profesora Inmaculada Alemán, “As mulleres dos mortos” continúa co relatorio que impartirá Inmaculada López Flores, considerada unha das profesionais cunha experiencia máis dilatada no estudo de coleccións arqueolóxicas de esqueletos.
Presidenta da asociación profesional de bioarqueoloxía, a López Flores é coordinadora dos traballos de campo de numerosas necrópoles e o seu labor é básico para entender o estudo do pasado en España. Na súa charla contará as experiencias do traballo de escavación no interior das covas ou mesmo documentando e escavando fosas da guerra civil. “Temos a gran oportunidade de contar con ela en Galicia”, explica unha das coordinadoras do ciclo, Olalla López-Costas, que destaca “a indubidable valía e prestixio profesional de Inma López Flores” á quen tamén considera “unha excelente divulgadora, capaz de trasladar o seu traballo con paixón e amenidade”, en definitiva “un exemplo de calidade investigadora da arqueoloxía profesional no noso país”. López-Costas xunto coa profesora María Loureiro, puxeron en marcha esta iniciativa na que participan catro grandes investigadoras co obxectivo de achegar á sociedade estes traballos arqueolóxico e forense impulsados por mulleres que lideran a investigación nas súas respectivas materias.
Red Consiliencia
O encontro está organizado pola Rede Consiliencia, financiada pola Xunta de Galicia, que aglutina grupos de investigación das universidades de Santiago de Compostela e A Coruña nos ámbitos da Arqueoloxía, Historia, Ciencias Sociais, Antropoloxía Física, Ciencias da Terra e Tecnoloxías da Información e Comunicación. Como na anterior ocasión, a asistencia á xornada é libre e gratuíta. O programa está dispoñible na web http://paleodietmeetspaleopathology.com/.