Ir o contido principal

O arqueólogo Celso R. Cao e o compositor Germán Díaz guían este venres a segunda visita do programa ‘Noite na Domus’

Xacemento arqueolóxico do Museo Universitario A Domus do Mitreo
Xacemento arqueolóxico do Museo Universitario A Domus do Mitreo
O primeiro pase comeza ás 20.30 e o segundo, unha hora despois. As entradas poden retirarse de balde nas oficinas da área de Cultura da Vicerreitoría de Lugo

O programa ‘Noite na Domus’, unha actividade complementaria do ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’ e a través do que se ofrecen visitas guiadas con acompañamento musical ao xacemento da Domus do Mitreo, ofrece este venres 3 de abril a segunda das tres sesións programadas con dous pases, un ás 20.30 e outro, unha hora despois. O arqueólogo e director da escavación da Domus do Mitreo, Celso R. Cao, será o encargado de guiar esta visita, organizada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que conta con financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación provincial de Lugo, e cuxo apartado musical correrá a cargo do compositor e intérprete Germán Díaz.

O obxectivo desta iniciativa, promovida desde a Área de Cultura da USC no campus de Lugo, non é outro que o de afondar no coñecemento da historia a través dunha viaxe musicada pola xacemento que permita ao espectador achegarse tamén ás diferentes épocas históricas a través das súas composicións sonoras. Daquela, este xoves Germán Díaz será o encargado de interpretar e transmitir a música que escoitaban os nosos antepasados.

A Noite na Domus é un programa pensado para permitir aos asistentes descubrir a familia do centurión que habitou a casa enclavada onde está o xacemento, os motivos do seu traslado, o cargo e os cometidos que desempeñou, xa que máis que un centurión era e persoa encargada da recadación tributaria no Norte peninsular. De feito, como curiosidade cómpre dicir que a propia ara ou altar na honra de Mitra fai máis fincapé en cuestións de recadación que de devoción.

O arqueólogo Celso R. Cao guiará esta visita pola historia que amosa o propio xacemento, un percorrido no que estará acompañado nesta ocasión do zanfoñista Germán Díaz. No relato histórico Celso R. Cao abordará tanto o mundo romano como a Idade Media, un período no que este arqueólogo fará fincapé na construción da catedral e a súa necrópole, así como noutros feitos relacionados, como o que supón a realidade de que basílica non ocupa un lugar central dentro do burgo.

Chegados ao século XVIII, ‘Noite na Domus’ posibilitará unha aproximación ao Pazo de Montenegro, en cuxa fachada aínda se poden atopar elementos decorativos da catedral. As composicións musicais xurdidas da basílica neste século, así como outras creacións máis recentes tamén formarán parte do repertorio que interpretará Germán Díaz.

A participación no programa de visitas guiadas ‘Noites na Domus’ require entrada, polo que as persoas interesadas en participar nos pases programados este venres poden aínda retirar a invitación nas oficinas da área de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.05.2019.