La arquitectura cognitiva de la percepción, novo título editado en acceso aberto pola USC
O catedrático da Facultade de Filosofía Juan Vázquez acaba de presentar en acceso aberto o seu último traballo, La arquitectura cognitiva de la percepción , editado polo Servizo de Publicacións da USC . O libro, deseñado por Antón García Suárez, pode descargarse en versión .pdf do repositorio institucional Minerva. Prologada polo recoñecido neurocientífico Joaquín M. Fuster, trátase dunha interesante monografía que recolle a investigación do profesor Vázquez en aras de proporcionar unha explicación dos procesos cognitivos vinculados coa percepción. O estudo, explica o seu autor, diríxese basicamente á análise daqueles tipos de percepción que implican coñecemento ou que poden ser utilizados na avaliación empírica do coñecemento.