Ir o contido principal

O Arquivo Histórico Universitario celebra este venres o Día Internacional dos Arquivos cunha visita guiada

O Arquivo Histórico Universitario celebra este venres o Día Internacional dos Arquivos cunha visita guiada
O Arquivo Histórico Universitario celebra este venres o Día Internacional dos Arquivos cunha visita guiada
Organiza tamén o I Encontro de Investigadores do Arquivo Histórico Universitario de Santiago

Con motivo da celebración o 9 de xuño do Día Internacional dos Arquivos, o Arquivo Histórico Universitario organiza este venres 7 unha xornada dirixida a dar a coñecer e a poñer en valor a riqueza dos fondos documentais que custodia, así como a difundir entre a comunidade universitaria e o resto da cidadanía o traballo que se desenvolve nel.

A iniciativa concrétase, en primeiro lugar, na realización dunha charla informativa e nunha visita guiada ás instalacións do Arquivo, algunhas delas vedadas ao público como o depósito de documentos e o taller de restauración. Esta visita realizarase o día 7 de xuño ás 11.00 horas na sala de conferencias do AHUS. Ten unha duración aproximada de 90 minutos e para poder asistir requírese a reserva de praza ben a través do correo electrónico arquivo.historico [at] usc.es (arquivo[dot]historico[at]usc[dot]es) ou ben no teléfono 881812880.

Xa pola tarde, ás 18:00 horas, terá lugar o I Encontro de Investigadores do Arquivo Histórico Universitario de Santiago, que contará coa presenza de varios historiadores e estudosos que darán conta dos seus traballos de investigación baseados, en maior ou menor medida, nos fondos documentais custodiados no Arquivo.

Así, participará Miriam Elena Cortés López coa charla ‘Papeis e imaxes para unha tese doutoral. O A.H.U.S. e as escaleiras monumentais de Compostela’, centrada en facer mención daqueles documentos consultados no arquivo que serviron para xustificar ou testemuñar determinadas cuestións relativas ao estudo da escaleira (tipoloxías, proxectos arquitectónicos, cambios e modificacións experimentados ao longo do tempo, etc.).

Mónica Fernández Armesto presentará ‘As fontes xudiciais no estudo da Historia. Xustiza señorial e xurisdicións especiais na Galicia moderna’, na que achega datos sobre este interesante ámbito de estudo dos séculos XVII e XVIII desde unha dobre perspectiva, xurídica e histórica.

Pola súa banda, Carlos Castelao fará un repaso en ‘A imaxe a través da letra. Investigacións sobre fotografía histórica nos fondos municipais e actas notariais’ á historia da fotografía compostelá a través do estudo de todas as persoas implicadas na súa produción: retratados, fotógrafos, pincelistas, editores, impresores de cartóns, litógrafos, artistas, etc.

‘Os protocolos notariais como fonte de investigación histórica do mar de Galicia’ é a charla de Santiago Llovo Taboada. Neses documentos aparece abundante información, as máis das veces inédita, sobre as construcións no entorno da costa galega, sobre familias de mariñeiros, capitáns, armadores e fomentadores, sobre outros profesionais relacionados co mar, así como das embarcacións mercantes e os sucesos e negocios implícitos.

Finalmente, José Ramón Pérez Salgado, con ‘Visión do condado de Borraxeiros a través do A.H.U.S.’, achegará información sobre a orixe e a xenealoxía do condado, centrando o estudo na figura de D. Juan José Salgado Zárate, V Conde de Borraxeiros.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.05.2023.