Arranca nas facultades de Ciencia e Química a XXVI Olimpíada Galega de Química
As facultades de Ciencias e Química, nos Campus de Lugo e Santiago respectivamente, abren as súas portas este venres 13 aos participantes na XXVI Olimpíada Galega de Química.
Dirixida a estudantes de 1º e 2º de Bacharelato de toda Galicia, as probas comezarán ás 16:30 horas, cunha duración inicial dunha hora. Posteriormente, entre as 18:00 e as 19:00 horas comezará unha segunda proba que consistirá na interpretación de conceptos teóricos e no desenvolvemento dun suposto práctico de laboratorio.
Nesta fase territorial clasificaranse un total de nove alumnos, tres por cada distrito universitario, que participarán na XXII Olimpíada Nacional a celebrar en Ávila do 17 ao 19 de abril. Á súa vez, os catro primeiros clasificados nesta fase estatal representarán a España na XIV Olimpíada Internacional que se vai disputar no Reino Unido entre o 18 e o 27 de xullo, así como na variante Iberoamericana, no mes de outubro en Cuba.
A fase galega disputarase simultaneamente, ademais de en Santiago e Lugo, na Coruña, Ourense, Pontevedra e Vigo.