Arranca o IX Foro Internacional sobre a Avaliación da Calidade da Investigación e da Educación Superior
A vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva, participa este mércores 13 no programa do IX Foro Internacional sobre a Evaluación da Calidade da Investigación e da Educación Superior (FECIES) que se desenvolve en Santiago na Escola Galega de Administración Pública ata o vindeiro venres 15. A súa intervención se inscribe nun simposio sobre ‘Planos e estratexias das universidades para potenciar a calidade’. Xunto á vicerreitora compostelá participarán os seus homólogos nas universidades da Coruña, Julio Abalde; País Vasco, Juan Jaime Cano; Complutense de Madrid, Elena Gallego; e Vigo, Ignacio Barcia. Tamén na xornada do mércores 13, a vicerreitora de Titulacións e Persoal Docente e Investigador, Carmen Fernández Morante, tomará partido noutro seminario da xornada dedicado á formación do profesorado en docencia e investigación. Nel participarán representantes das universidades de Zaragoza, La Laguna e A Coruña. O reitor Juan Casares intervirá o xoves 14 para pronunciar a partir das 11.00 horas a conferencia ‘Responsabilidade social universitaria e calidade’. O reitor compostelán intervén en calidade de presidente da Comisión de Internacionalización e Cooperación das Universidades Españolas da Conferencia de Reitores das Universidades Epañolas (CRUE). Ese mesmo día, o vicerreitor de Relacións Exteriores e Internacionalización, Víctor Millet Schröder, formará parte doutro simposio que abordará os planos e estratexias das universidades para potenciar a internacionalización xunto a representantes do goberno de Murcia e das universidades de Alacante e Deusto. Ademais, a USC tomará partido de diversos bloques do programa deste congreso a través da participación de distintas unidades universitarias como a Oficina de Igualdade de Xénero, a Área de Calidade e Mellora de Procedementos e a Oficina do Plan de Desenvolvemento Sostible, así como numeras comunicación orais e escritas que presentará profesorado. Obxectivos O FECIES ten como misión, entre outros obxectivos, coñecer a nova organización das ensinanzas universitarias; analizar e debater sobre a selección do profesorado e sobre a situación do doutoramento en España e na UE; así como coñecer os distintos plans das universidades para potenciar a investigación, a calidade e a converxencia e coñecer as distintas ferramentas para avaliar a calidade da investigación científica. Máis información en http://www.ugr.es/~aepc/IXFORO/presentacion.html.