Arranca en Lugo o III Maratón Empresarial Universitario
Uniemprende e o Concello de Lugo coorganizan o III Maratón Empresarial Universitario, que se desenvolverá en Lugo este xoves 3 e venres 4 de decembro, nas instalacións do CEI-Nodus, en horario de 10:00 a 13:00 horas. Os participantes neste certame deberán simular, en equipos dun máximo de catro persoas, a creación dunha empresa, tomando decisións estratéxicas e operativas nas diferentes áreas para competir cos demais equipos.
Os 8 equipos mellor clasificados na xornada do xoves, competirán o venres na segunda fase do maratón. O grupo que obteña os maiores beneficios será o gañador, e os seus integrantes conseguirán cadanseu bolígrafo dixital e unha estancia de balde nun despacho do viveiro de empresas do CEI-Nodus durante dous anos, no caso de crear unha empresa antes do 31 de decembro de 2010.
O Maratón Empresarial Universitario, dirixido aos mozos e mozas que estean matriculados en calquera universidade galega no actual curso académico, pretende familiarizar aos estudantes co complexo mundo económico no que actúa a empresa, poñéndolle de manifesto as consecuencias das súas decisións. Ademais, potencia habilidades como o traballo en equipo, a análise da información, o proceso de toma de decisións baixo presión, a creatividade ou a xestión do tempo.