Ir o contido principal

Arranca en Lugo o primeiro curso do proxecto 'e+s Miño' da USC para dinamizar os concellos de Terras do Miño

Empresarios e traballadores dos concellos incluídos na Reserva da Biosfera Terras do Miño asistirán a un curso sobre os sistemas de información xeográfica aplicados á xestión dos recursos naturais, que comezará este xoves 10, ás 16:00 horas, no edificio CACTUS de Lugo.
Este curso é o primeiro das once accións formativas que se levarán a cabo dentro do proxecto ‘e+s Miño’ que promove a USC en colaboración coa Consellaría de Traballo e Benestar e o Grupo de Desenvolvemento Rural Terra Chá, e que pretende activar os recursos naturais dos municipios desta reserva da biosfera para crear emprego, mellorar a calidade de vida dos seus habitantes e levar a cabo unha modernización ambiental das empresas existentes na zona.
Un grupo de investigadores da USC impartirán este curso, que terá lugar os días 10, 11, 12, 17, 18 e 19 de decembro, en horario de 16:00 a 21:00 horas os xoves e venres, e de 9:00 a 14:00 horas os sábados, e no que os asistentes poderán coñecer os últimos avances no manexo dos sistemas de información xeográfica, así como as diferentes tecnoloxías de captura deste tipo de datos.
O seguinte curso impartirase no mes de xaneiro, e abordará as novas tendencias do turismo en espazos naturais, con especial atención ao ecoturismo e o turismo da auga.
Proxecto ‘e+s Miño’O proxecto ‘e+s Miño’ está cofinanciado polo Fondo Social Europeo a través do Programa Empleaverde da Fundación Biodiversidad, e diríxese aos 26 concellos incluídos en Terras do Miño, todos eles situados na conca alta deste río, e que no ano 2002 recibiron da Unesco a máxima catalogación medioambiental: A Pastoriza, Abadín, Alfoz, Baralla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, Cospeito, Friol, Guitiriz, Guntín, Láncara, Lugo, Meira, Mondoñedo, Muras, O Corgo, O Páramo, O Valadouro, Ourol, Outeiro de Rei, Pol, Rábade, Riotorto, Vilalba e Xermade.
O proxecto desenvolverase ata o mes de maio de 2011 co obxectivo de promover a formación ambiental dos traballadores dos concellos implicados, incrementando a súa cualificación e competencia, promovendo a incorporación da sostibilidade ás empresas e a adaptación das actividades económicas á normativa ambiental. Ademais, pretende detectar novas oportunidades de negocio ligadas á conservación e valorización do entorno da Reserva da Biosfera Terras do Miño.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.12.2009.