Arranca en Xeografía e Historia o Simposio Internacional Opus Monasticorum
O vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández Prieto, presidirá este mércores 26 no Paraninfo da Universidade na Facultade de Xeografía e Historia a inauguración do Simposio Internacional Opus Monasticorum, que entre os días 26 e 29 analizará aspectos relacionados coa arquitectura, o patrimonio e territorios culturais.
Na sesión inaugural, prevista para as 9:45 horas, acompañarán ao vicerreitor o decano do centro, Juan Monterroso; os co-directores do simposio, José Manuel López Vázquez e Antonio Garrido; e o deputado da Deputación da Coruña, José L. García. Deseguido, o profesor José Manuel García Iglesias pronunciará o primeiro relatorio do encontro, titulado ‘O mosteiro de Samos e a súa vinculación co camiño de peregrinación’.
O Grupo de Innovación Iacobus, formado por profesores do Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago, é o encargado da organización deste encontro no que está prevista a presenza de expertos universitarios procedentes de institucións universitarias de España e Italia.