Ir o contido principal

Arranca a XII edición do congreso da Sociedade Española de Medicina Oral

A inauguración oficial celebrarase o xoves ás 20.30 horas no Colexio de Fonseca

A inauguración oficial da XII edición do Congreso da Sociedade Española de Medicina Oral (SEMO) terá lugar este xoves 16 ás 20.30 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca á que asistirán o reitor da USC, Juan Casares Long; o alcalde de Santiago, Ángel Currás; o presidente da Academia Iberoamericana de Patoloxía e Medicina Bucal, Oslei Paes de Almeida; e o presidente da SEMO e profesor da USC, José Manuel Gándara Rey. As actividades previas ao congreso arrancarán esta tarde coa celebración dun curso precongreso sobre clínica radiolóxica que tratará os avances en diagnose por imaxes 3D e as súas aplicacións clínicas. Dito curso será coordinado polo profesor peruano Hugo Aguayo Olivares e nel presentarase o Cone Beam CT (escáner volumétrico), unha das ferramentas máis importantes das que dispón a radioloxía para a diagnose odontolóxica e que, segundo afirma Aguayo Olivares, “dende a súa introdución se desenvolveu de xeito espectacular nas aplicacións clínicas nas diferentes especialidades da odontoloxía”. Os previos ao congreso continuarán o xoves pola mañá con outro curso sobre patoloxía ósea e mucosa relacionada cos implantes e que será coordinado polos profesores Miguel Peñarrocha Diago e José M. García Rielo. O encontro centrarase nos enfermos con alteración da mucosa oral, como a epidermolise, unha grave enfermidade das mucosas e da pel coñecida comunmente como pel de cristal que afecta aos nenos. Maniféstase cando tras sufrir un roce na pel ou na mucosa pode derivar nunha gran atrofia das estruturas da boca. Segundo afirma Peñarrocha, proporcionar implantes e próteses para eles é unha enorme mellora na calidade de vida. Tamén abordarán temas como a osteoporose, as alteracións óseas nos diabéticos e a patoloxía máis frecuente que producen os implantes nos osos maxilares. Programa congreso A primeira hora da tarde do xoves dará comezo a primeira das mesas redondas do congreso que se centrará no tema dos bifosfonatos a a osteonecrose. A mesa será coordinada polos profesores Abel García García e Mariana Villaroel, e contará con especialistas na materia como Mario Pérez Sayans, que introducirá o concepto e clasificación da osteonecrose; Rafael López que explicará as indicacións dos bifosfonatos en oncoloxía médica; Fabio Alves que abordará o tratamento cirúrxico; e José Caeiro que tratará a relación entre os bifosfonatos e a traumatoloxía.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.05.2013.