Arrancaron en Dereito unhas xornadas que analizan a presenza da muller na regulación xurídica privada
As xornadas ‘Cidadás e cidadáns: Forma e fondo das referencias de xénero no dereito privado’ congregan na Facultade de Dereito este luns 28 e o martes 29 a expertas das universidades de Santiago, Vigo e da Autónoma de Barcelona, investigadoras do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia, así como a representantes da Xunta de Galicia, da Agrupación de Avogadas de Santiago e do Xulgado de Instrución número 3 de Lugo.
O obxectivo do encontro é fomentar a reflexión e o debate sobre a presenza da muller na regulación xurídica privada, xa que este ámbito resulta “fundamental para a superación da discriminación xurídica e social”, apuntan as promotoras da iniciativa. Así, ao longo das dúas sesións previstas abordaranse aspectos tan relevantes como a participación no tráfico xurídico, a familia ou a vida privada.
O curso, que dirixe a profesora Belén Trigo, permitirá situar as medidas lexislativas no seu contexto social polo que o conxunto das intervencións previstas, tanto en forma de conferencias como de mesa redonda, están formuladas dende unha perspectiva interdisciplinaria e práctica. Os alumnos de calquera das titulacións que se imparten na USC matriculados neste curso poderán validar a súa asistencia ao encontro por un crédito de libre configuración.
ProgramaA vicerreitora de Calidade, María Dolores Álvarez Pérez, presidiu o acto de inauguración destas xornadas, acompañada da directora do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, Ana Luisa Bouza Santiago.
‘As referencias de xénero no Dereito privado: cuestións de fondo’ foi a conferencia que abriu a quenda de intervencións, para proseguir coa profesora da USC Belén Trigo que realizou unha panorámica xeral e unha análise da evolución normativa neste eido. Deseguido, a avogada Marta Vega Lorenzo e a profesora da Universidade de Vigo Iolanda Galanes foron as encargadas de falar sobre as referencias de xénero no Dereito privado e na linguaxe xurídica.
Xa pola tarde, ás 16:00 horas, a profesora de Dereito do Traballo Yolanda Maneiro pronuncia o relatorio titulado ‘Cuestións de xénero e Dereito do Traballo’, seguida da investigadora do IDEGA Yolanda Vázquez que tratará a discriminación salarial. A primeira xornada concluirá coa presenza da profesora de Dereito Procesal Raquel Castillejo para profundar nas normativas estatal e autonómica en materia de muller, igualdade e violencia de xénero.
A catedrática de Dereito Civil da USC Mª Paz García Rubio abrirá o programa do martes 29 cunha intervención sobre ‘Discriminación por razón de sexo e dereito contractual’, á que lle seguirá a profesora da Universidade Autónoma de Barcelona Susana Navas para falar sobre ‘Remedios en caso de discriminación na contratación privada’.
As xornadas rematarán coa celebración, a partir das 12:00 horas, dunha mesa redonda titulada ‘Mulleres: estereotipos e realidade’ na que intervirán a profesora da USC Lourdes Mirón; a presidenta do Seminario Muller e Universidade, a profesora Montserrat Nogueira; a vicepresidenta da Agrupación de Avogadas de Santiago, Elsa Raquel Gómez; e a maxistrada-xuíza do Xulgado de Instrución número 3 de violencia de xénero de Lugo, Estela San José.