Ir o contido principal

Arredor de 6.000 estudantes preuniversitarios participan esta semana nos Encontros na USC

Nesta actividade ofrécese aos estudantes de Ensino Medio unha oportunidade de contacto directo coa Universidade. FOTO: Santi Alvite
Nesta actividade ofrécese aos estudantes de Ensino Medio unha oportunidade de contacto directo coa Universidade. FOTO: Santi Alvite
A primeira das xornadas desenvólvese este martes 30 e as seguintes terán lugar os días 31 de xaneiro e 1 e 2 de febreiro. O estudantado pode elixir, de acordo cos seus intereses e preferencias, entre un total de 15 itinerarios nos que coñecer de primeira man a oferta académica e de servizos da USC
Santiago de Compostela

Unha nova vaga de Encontros na USC botou a andar este martes 30 en Santiago de Compostela. O estudantado pode elixir, de acordo cos seus intereses e preferencias, entre un total de 15 itinerarios nos que coñecer de primeira man a oferta académica e de servizos da USC. Segundo explicou a coordinadora do programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC, Mayte Flores Arias, os Encontros obtiveron un grande éxito de convocatoria, logrando que en cada unha das xornadas participen arredor de 1.500 estudantes. As vindeiras sesións desenvolveranse este mércores 31 de xaneiro, así como os días 1 e 2 de febreiro.

Nesta actividade ofrécese aos estudantes de Ensino Medio unha oportunidade de contacto directo coa Universidade, visitando os centros dos campus de Lugo e Santiago para recibir información dos estudos que alí se cursan. No caso do Campus de Lugo, os primeiros Encontros de 2024 desenvolveranse os días 2 e 3 de abril.

O Programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC difunde, dende o curso 2003-04, a oferta de estudos da Universidade de Santiago de Compostela entre o alumnado de Ensino Medio e orienta academicamente as súas preferencias.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.01.2024.