Ir o contido principal

Arrinca o martes a nova programación de outono de Lugo Cultural

A programación de outono de Lugo Cultural dará comezo este martes
A programación de outono de Lugo Cultural dará comezo este martes
Continuarán os ciclos de cine, os concertos de Lubicán, as exposicións, o teatro e as rutas culturais

Os representantes das cinco institucións que conforman o proxecto Lugo Cultural presentaron hoxe, luns 19, a súa programación para os meses de novembro e decembro, que recibe o nome xenérico de Outono Cultural. Novamente, cine, música, teatro, exposicións e rutas culturais conforman un programa para todas as idades, que comezará a desenvolverse este martes.
No apartado musical, continuará o ciclo Lubicán con tres novos concertos, que, como en edicións anteriores, ten a función de achegar as músicas máis independentes aos lucenses, utilizando moitas veces formacións non habituais no panorama musical. O primeiro concerto será o de Xúa, que presenta o seu novo traballo o día 21 de novembro, mércores, ás 21:00 horas, na Facultade de Ciencias.
O seguinte concerto terá lugar o 3 de decembro e estará a cargo de Batuko Tabanka, que actuará na Facultade de Veterinaria a partir das 21:30 horas. Previamente, ás 20:30 horas, proxectarase un documental sobre este grupo. Finalmente, o 13 de decembro Quico Cadaval e Fran Pérez (alma máter de Narf) presentarán un cantacontos, un concerto innovador que conxuga os contacontos coa música. Será na Escola de Maxisterio, ás 21:00 horas.
O programa de outono de Lugo Cultural contará tamén co ciclo Cine con..., con dúas paradas en Asturias e varias na memoria. Así, os días 20 e 21 (este martes e mércores) comezarán as proxeccións, que complementan a exposición ‘Trala Pantalla Asturias e o cine’ que pode visitarse na EPS.
A primeira proxección, de seis curtos será este martes, de 18:00 a 19:30 horas, na Facultade de Administración e Dirección de Empresas. Este mesmo día, na EPS as proxeccións comezarán ás 21:30 horas, con catro curtos e o filme ‘Carne de Gallina’, de Javier Maqua. Finalmente, o mércores, no mesmo centro, poderán verse nove curtos máis dende as 15:30 horas e, ás 17:00 horas, proxectarán ‘La Regenta’, de Gonzalo Suárez. O ciclo de Cine con... terá a súa continuidade cun especial sobre a memoria histórica, que se celebrará do 10 ao 14 de decembro, con proxeccións de documentais e películas.
O día 16 de decembro continuará tamén o ciclo de rutas culturais Pegadas. Nesta ocasión será un percorrido polas ribeiras do Miño catro veces ao ano, coincidindo coas catro estacións, e que comeza o próximo mes. O seu obxectivo é coñecer a flora e a fauna deste lugar da man de Xurxo de Viveiro e Eduardo Ochoa. A inscrición poderá realizarse ata o día 3 de decembro na Oficina de Cultura do Campus de Lugo, situada na praza Pío XII.
O programa contará tamén con teatro, o día 17 de decembro, no auditorio Gustavo Freire. Proxectarase, a partir das 21:00 horas, ‘Noite de Reis’, a cargo do Centro Dramático Galego, dirixido por Quico Cadaval. As entradas terán un prezo de 5 euros para todos os públicos e de 2 para estudantes, desempregados e xubilados. Venderanse unicamente dende unha hora antes do inicio da función no propio auditorio.
Ademais, dentro do programa de Lugo Cultural, continúan abertas as exposicións ‘Teatro baixo a area’, na Escola de Formación do Profesorado, e ‘Trala pantalla Asturias e o cine’, na EPS. Abrirá tamén a mostra do XIII Maratón Fotográfico do Campus, que estará do 10 ao 21 de decembro no Centro Social Uxío Novoneyra e que presentará o seu catálogo o mesmo día da inauguración, ás 20:00 horas.
Páxina webOs membros de Lugo Cultural, presentaron hoxe a súa páxina web, www.lugocultural.es, que poderá visitarse en Internet dende este martes. A web acolle o programa cultural que está en marcha e ofrece tamén unha visión dos obxectivos e a constitución desta iniciativa, na que participan a USC, o Concello de Lugo, a Deputación, a Fundación Caixa Galicia e a Delegación de Cultura da Xunta de Galicia.
A páxina foi deseñada por un alumno do Campus de Lugo, Marcos Figueroa. O vicerreitor de Cultura da USC, Elías Torres, destacou a importancia da creación desta web, “xa que se trata dun paso máis na afirmación de Lugo Cultural na sociedade universitaria”. Indicou que un exemplo da utilización de Internet entre a mocidade é o feito de que “o 51,3% dos universitarios interesados nos cursos de verán da USC fan as súas consultas a través da web”.
Na presentación estiveron presentes Antonio Molina, delegado provincial da Consellaría de Cultura, e Sinesio Pérez, da Fundación Caixa Galicia, quen sinalaron a importancia e prioridade que se lles está dando aos artistas galegos, do mesmo xeito que se están procurando descentralizar as actividades, con actuacións en todos os centros do campus.
A presentación do programa para este outono foi complementada pola actuación de catro alumnos do Grupo de Teatro Universitario, que se fan chamar ‘Catro Tesellas’ e que representaron a performance “Na procura das palabras”. Este grupo actuará tamén o martes nos distintos centros do campus, como un xeito de abrir esta programación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.11.2007.