Ir o contido principal

Arrinca en Santiago o VII Encontro Universitario de Danza

Momento dunha representación diante de Dereito
Momento dunha representación diante de Dereito
Coa participación de sete compañías, unha chegada de México

Sete grupos de danza procedentes de distintas universidades españolas e americanas participarán dende este luns no sétimo Encontro Universitario de Danza Contemporánea. A cita en Compostela é os días 20 e 21 e en Lugo o 22 e o 23 de abril.
O encontro, dirixido e coordinado por Juan Carlos Zahera, abre este ano as portas aos países iberoamericanos coa presenza do grupo do Instituto Tecnolóxico da Universidade de Monterrey de México. Tamén participan, ademais da USC co Espazo de Danza Universitario e a Compañía Traspédiante, as Universidades de Granada, Estremadura e A Coruña. Xunto aos universitarios actuará por vez primeira unha compañía profesional, neste caso a coruñesa ‘Experimentadanza’.
En Santiago cada un dos grupos ofrecerá, en distintas quendas, a súa proposta coreográfica no marco da Igrexa Universitaria en Santiago, onde o luns ás 21:00 horas actuarán as compañías Traspédiante, de Granada, Monterrey e Espazo de Danza Universitario da USC, e o martes 21, á mesma hora, Experimentadanza, A Coruña, Extremadura e de novo o Espazo de Danza.
Ademais, ambos os dous días ás 13:00 horas na explanada da cafetería SEU do Campus Sur todas as compañías interpretarán un estrato das súas coreografías. Todas as actuacións están abertas a todo o público e son gratuítas.
Distintas propostasAs coreografías desta sétima edición abordan temáticas e propostas artísticas moi distintas. Así, o Espazo de Danza Universitario que dirixe o director do encontro leva ao escenario ‘O movemento dos soños’, unha visión coreografiada do legado do ex reitor da USC Alejandro Rodríguez Cadarso na conmemoración no 75 aniversario do seu pasamento.
A Compañía Traspédiante da USC presenta, baixo a dirección artística de Marta Alonso e Begoña Cuquejo, o espectáculo ‘Meigas’ con música ao vivo, mentres que os mexicanos de Monterrey levan a escena ‘Preso’, na que dez persoas viven atrapadas no círculo vicioso das presións e esixencias da vida, un mundo onde o reto é sobrevivir no canto de vivir.
Pola súa banda, a compañía granadina pretende con ‘Danza di-fusa’ homenaxear a música desde a danza, non só como elemento digno de ser expresado senón tamén como factor vital que acompaña momentos existenciais susceptibles de seren evocados polo baile.
Os estremeños dirixidos por Pablo Molero presentan o martes ‘Water Dolls’, unha historia de sereas, cruzamento de xéneros sen identidade fixa, que inducen aos humanos a pecar, vítimas das súas propias debilidades. Tamén dos entresixos propios da existencia trata a coreografía da Aula de Danza da Universidade da Coruña, ‘Ver fondo do envase’, que fala da supervivencia, un acto case obrigado no día a día, e de como podemos atoparnos a nós mesmos se o único ensino que recibimos é o de recubrirse de capas grosas para resistir esta realidade esaxerada.
Por último, Experimentadanza trae da man de Carlota Pérez ‘En busca do aire’ que recorda os momentos da infancia, do principio, nos que non había malos e da necesidade de recuperar o vento fresco que arrola esas lembranzas e borra a negrura da soberbia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.04.2009.