Ir o contido principal

Arrincan en Lugo as XIV Xornadas Internacionais de Enfermaría, centradas na atención sanitaria durante o embarazo

Co título ‘Continuum: Muller, embarazo, neno’ comezan este xoves 26 as Xornadas Internacionais de Enfermaría, organizadas pola Escola de Enfermaría da USC do Campus lugués, en colaboración co Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo. Esta convocatoria, que este ano conta coa presenza de 250 persoas entre profesionais e estudantes, acada xa a súa edición número catorce.
Estas xornadas, que se alongarán ata o venres 27, contarán cunha importante representación de profesionais dos coidados da muller e do neno. Así, 31 relatores, na súa maioría mulleres, expoñerán aos asistentes os aspectos fundamentais do tratamento das diferentes etapas do período de xestación desde a prevención do embarazo, o estado de preñez, o posparto, o período de lactación, así como os coidados de pediatría durante o primeiro ano de vida do bebé.
XestaciónA mesa redonda que abrirá os encontros deste ano, ‘Educación para a saúde e embarazo’, nunha xornada, a do xoves, na que todas os relatorios e coloquios estarán centrados na atención á muller antes e durante os meses de embarazo ata o parto, correrá a cargo da xinecóloga do Centro de Especialidades de Lugo, María Jesús Méndez, que falará de ‘Anticonceptivos, educación sexual e interrupción do embarazo’; a Matrona do Xeral-Calde e profesora da Escola de Enfermaría Olga López, intervirá co relatorio ‘Educación sanitaria no embarazo’; a enfermeira do Hospital Universitario de Asturias Josefía Álvarez, falará sobre as ‘Técnicas de reprodución asistida e enfermería’; e a xefa de área de Asistencia e Investigación da Secretaría do Plan Nacional sobre a Sida, Rosa Polo, tratará aspectos relacionados con esta enfermidade.
As conferencias continuarán pola tarde co xinecólogo do Xeral-Calde e profesor da Escola de Enfermaría Arturo Núñez, que tratará o tema ‘Cesárea. Abuso ou indicación’; e coa matrona ecuatoriana Mercedes Factos que falará sobre a súa profesión en Latinoamérica. A visión das matronas en Europa daraa a presidenta da Asociación de Matronas Europeas, Deidre Daly, logo de que a súa colega arxentina Raquel Schallman dea a súa conferencia inaugural, ás 18:30 horas.
Tras o partoAs intervencións e os debates do venres 27 xirarán en torno ao coidado da muller e do bebé tras o alumbramento, e durante o primeiro ano de vida. Así, esta segunda xornada comezará ás 10:00 horas cunha mesa redonda na que Dolores Martínez falará sobre a lactación materna; Amalia Pereira, sobre a experiencia nos coidados do neno ata os doce meses nun centro de saúde; e María Jesús Quiroga, sobre as urxencias pediátricas nese primeiro ano de vida. A fin da sesión matutina poraa Schallman, que ofrecerá outro relatorio, nesta ocasión, sobre os vínculos materno-filiais.
HospitalizaciónXa pola tarde, os relatorios centraranse nos coidados do bebé nos casos de ingreso hospitalario. Así, Pilar Bernalte falará sobre a atención do lactante hospitalizado; e Esther Tierraseca, sobre o procedemento de intervención nas UCI´s pediátricas.
Arredor das 17:30 horas, haberá outra mesa redonda para tratar aspectos singulares. O enfermeiro do Xeral-Calde e profesor da Escola de Enfermaría, Isidoro Rodríguez ofrecerá o seu relatorio ‘Unha forma diferente de maternidade. Vivencia dun pai solteiro: xestación, parto e posparto’; e a súa colega María Jesús Regueiro tratará de achegar datos sobre ‘A casa da maternidade e expósitos de Lugo. Unha necesidade social para o recoñecemento de fillos naturais’.
PrematurosAntes de clausurar as xornadas, a presidenta da Sociedade Española de Enfermaría Neonatal, María García, dará unha conferencia sobre os coidados dos bebés prematuros.
Todos os relatores que participan nesta edición número catorce das Xornadas Internacionais de Enfermaría de Lugo serán recibidos o xoves polo alcalde, José López Orozco, no Salón de Plenos do Concello, e clausurarán as xornadas cunha cea de gala o venres.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.03.2009.