Ir o contido principal

A arte urbana mellora as cidades, crea conciencia e dá proxección mundial, salientan investigadoras da USC

A violonchelista de Sfhir, en Fene, primeiro premio no Street Art Cities 2023
A violonchelista de Sfhir, en Fene, primeiro premio no Street Art Cities 2023
O monográfico ‘Pegadas no muro: relatos e proxectos de arte urbana’, coordinado polas profesoras Miriam Cortés e Patricia Cupeiro, aborda do 10 ao 12 de abril en Humanidades o impacto cultural e socioeconómico dun fenómeno artístico en auxe
Lugo, Santiago de Compostela

A arte urbana é un fenómeno artístico e social que está a experimentar un grande apoxeo en Galicia nos últimos años. Trátase dunha manifestación que contribúe a crear conciencia cidadá, mellora o desenvolvemento das urbes e, como sucede no caso de Lugo, favorece a proxección mundial da cidade”, sinalan as profesoras do Departamento de Historia da Arte da USC, Miriam Elena Cortés e Patricia Cupeiro, que coordinan o Curso de Primavera ‘Pegadas no muro: relatos e proxectos de arte urbana’, un programa organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural que se desenvolverá do 10 ao 12 de abril na Facultade e Humanidades do Campus de Lugo. A inscrición e libre e de balde a través do correo electrónico cultura.lugo [at] usc.es (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]es).

A temática da nova edición do Curso de Primavera da USC conecta coa formación que está a recibir o alumnado do grao en Xestión Cultural ao tempo que favorece a reflexión sobre a indiscutible envergadura do patrimonio artístico que atesoura Lugo. De feito, apuntan estas docentes da USC, “a promoción de arte urbana nesta monumental cidade apórtalle unha conexión directa coa escena artística contemporánea”. Ademais, engaden, “este Curso de Primavera promove a participación de representantes de diferentes colectivos, desde artistas a administracións e mesmo a comunidade educativa, nun foro sobre unha manifestación artística de gran impacto como é a arte urbana”.

As últimas edicións dos premios Street Art Cities, un certame en liña nado en 2016 coa idea de crear un mapa de murais arredor do mundo, no que participan, entre outros países, Bélxica, Francia, Alemaña, Portugal, Suíza ou México, son testemuña de que a arte urbana galega está no punto de mira dos medios de comunicación e ten un impacto relevante no público. Basta lembrar que as obras de Sfhir, en Fene; Lula Goce, en Nigrán, e Yoe 33, en Lugo, son, segundo este certame, os tres mellores murais do mundo no ano 2023. Na edición anterior, o primeiro premio foi para a obra do Xulio César de Diego AS, un mural que dialoga directamente coa muralla romana de Lugo, mentres que Yoe 33 acadou o terceiro premio coa súa ‘Copora’, a imaxe dunha guerreira castrexa.

Orixes

As orixes da pintura parietal conducen a escenarios moi antigos, pero estas manifestacións, aínda que con intencionalidade e mensaxes diferentes, teñen continuidade desde as pinturas rupestres ata a actualidade, indican estas investigadoras, ao tempo que subliñan que todas comunidades culturais atopan no muro un soporte para a expresión artística e para trasladar mensaxes. No caso galego, esta evolución impulsou nas últimas décadas o inicio dunha forte actividade no ámbito das industrias culturais, que atopan na arte urbana unha ferramenta axeitada para revalorizar espazos urbanos e para establecer novas relacións entre a veciñanza, apuntan.

A arte urbana, aínda que de xeito indirecto, está a conseguir dinamizar a oferta cultural de moitas cidades e zonas rururbanas en Europa. A creación de rutas culturais creadas arredor deste fenómeno reflexa a súa pegada e tamén dá conta do seu crecente impacto económico, comentan Cortés e Cupeiro. As coordinadoras do Curso de Primavera da USC lembran neste senso que as distintas sesións programadas contarán coa participación de moitos dos artistas galegos xa galardoados polas súas creacións, así como das persoas responsables da organización dos principais eventos e certames de arte urbana en Galicia. Alén desta cuestión local, o programa ‘Pegadas no muro: relatos e proxectos de arte urbana’, permitirá achegarse a experiencias europeas e iberoamericanas coma o muralismo mexicano, da man de Adris Díaz, ou as rutas turísticas de ‘Bogotá Colors’, da man de May Rojas.

Miriam Cortés e Patricia Cupeiro salientan asemade a especial implicación do sector artístico na celebración deste monográfico sobre arte urbana. O cartel do Curso de Primavera da USC 2024, obra de Primo Bansky, a ampla participación de relatores e a intervención artística comprometida por Doa Ora nos exteriores da Facultade de Humanidades, proban as sinerxías creadas entre os artistas e o centro universitario lugués, que está chamado a converterse nun polo de referencia para o desenvolvemento da cultura e da formación en xestión cultural.

 

Programa do Curso de Primavera da USC
Programa do Curso de Primavera da USC
Cartel do programa, con ilustración de Primo Bansky
Cartel do programa, con ilustración de Primo Bansky
Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.04.2024.